A Xunta destina 260.000 euros a rehabilitar sete antigas casas de mestres que se alugarán a familias con baixos recursos | Observatorio de Vivenda

A Xunta destina 260.000 euros a rehabilitar sete antigas casas de mestres que se alugarán a familias con baixos recursos

A Xunta destina 260.000 euros a rehabilitar sete antigas casas de mestres que se alugarán a familias con baixos recursos
  • O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda concedeu achegas a todas as solicitudes que se presentaron na provincia
  • Visitou hoxe o inmoble que se recuperará en Arxemil, no Corgo, que conta cun investimento de 46.500 euros

 

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda destina 260.000 euros a rehabilitar sete antigas casas de mestres na provincia de Lugo, que serán alugadas a familias con escasos recursos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe Arxemil acompañado polo alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, para coñecer as obras previstas nun inmoble desta localidade.

Balseiro subliñou que se recuperarán tamén tres antigas vivendas en Sober, dúas en Mondoñedo e unha no Vicedo. “Na provincia de Lugo -afirmou- concedéronse subvencións para todos os proxectos que se presentaron”. As axudas da Consellería poden alcanzar a cubrir ata o 90 por cento do orzamento, en función do tipo de actuacións que se acometan.

O delegado explicou que se trata dun novo programa destinado a concellos de menos de 20.000 habitantes co que se persigue un triplo obxectivo: social, pois dá facilidades de acceso á vivenda ás familias; de potenciación e desenvolvemento do rural; e económica e ambiental, xa que a rehabilitación é máis sostible que a construción de vivenda nova e xera máis emprego por euro investido.

Polo que respecta ao proxecto do Corgo, a Xunta achega 46.500 euros para as obras -o 90 por cento do orzamento subvencionable-. O estado da edificación fai precisa unha intervención integral, con traballos que supoñen dende a mellora do illamento térmico da fachada, ata as carpinterías exteriores e interiores, tabiques, solados, falsos teitos e traballos de fontanería, electricidade, comunicacións, e aqueles que aseguren a calidade dos subministros. Igualmente, equiparanse por completo a cociña e o baño. 

Fonte: Xunta de Galicia