A Xunta destina preto de 2,7 millóns de euros ás Áreas de Rehabilitación declaradas en 41 concellos galegos | Observatorio de Vivenda

A Xunta destina preto de 2,7 millóns de euros ás Áreas de Rehabilitación declaradas en 41 concellos galegos

A Xunta destina preto de 2,7 millóns de euros ás Áreas de Rehabilitación declaradas en 41 concellos galegos

A Xunta de Galicia destinará máis de 2,5 millóns de euros (2.665.741) ás actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas, urbanización e reurbanización nas áreas de rehabilitación integral (ARI) existentes en Galicia. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se procede a abrir o prazo para que os concellos con ARI soliciten a participación no programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018–2021, que se executa a través das ARI.

A Resolución publicada hoxe abre un prazo dun mes para que os concellos que teñen unha ou máis áreas de rehabilitación integral dentro do seu ámbito municipal e cumpran os requisitos establecidos soliciten a súa participación no reparto dos fondos destinados a estas zonas en 2020. Os concellos deberán presentar unha solicitude por cada unha das ARI que desexen incluír no reparto de fondos, indicando as contías que estiman poden executar nos prazos establecidos.

En función das solicitudes presentadas polos concellos con áreas de rehabilitación declaradas, a Xunta realizará o reparto dos fondos dispoñibles entre os mesmos, que acadan un total de preto de 2,7 millóns de euros entre a achega estatal e a autonómica.

Despois do reparto asinaranse acordos específicos cos concellos participantes, que deberán realizar as súas propias convocatorias para que os propietarios de vivendas interesados poidan solicitar as axudas, financiadas con fondos autonómicos e estatais.

Fonte | Instituto Galego da Vivenda e Solo