A Xunta destinará 2 M€ a unha nova convocatoria do programa Rexurbe co fin de adquirir inmobles para rehabilitar e construír vivendas protexidas | Observatorio de Vivenda

A Xunta destinará 2 M€ a unha nova convocatoria do programa Rexurbe co fin de adquirir inmobles para rehabilitar e construír vivendas protexidas

A Xunta destinará 2 M€ a unha nova convocatoria do programa Rexurbe co fin de adquirir inmobles para rehabilitar e construír vivendas protexidas

A Xunta de Galicia destinará este ano 2 millóns de euros a sacar unha nova convocatoria do Programa Rexurbe co obxectivo de adquirir inmobles e edificios en estado de abandono ou deteriorados para proceder á súa rehabilitación integral e construír vivendas de promoción pública destinadas ao alugueiro.

Así o expuxo esta mañá en Ferrol a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco do segundo dos encontros informativos #ConstruíndoFogar que organiza o seu departamento para dar a coñecer o conxunto de liñas de subvencións que xestionará a Xunta ao longo do ano 2022.

Precisamente, a responsable autonómica aproveitou a súa presenza na cidade para anunciar que Ferrol será un dos municipios incluídos na próxima convocatoria do Programa Rexurbe. Neste sentido, explicou que a Xunta ten intención de mercar máis inmobles no centro histórico ferrolá, que se sumarán ás 19 propiedades que xa ten o Instituto Galego da Vivenda e Solo neste ámbito.

Tras lembrar que a Xunta puxo en marcha en 2018 esta iniciativa co obxectivo de localizar, comprar e rehabilitar inmobles en estado de abandono ou deteriorados en conxuntos históricos e zonas degradadas, Ángeles Vázquez subliñou que Ferrol se pode considerar “o máximo referente do Rexurbe” en Galicia, xa que é o municipio no que máis propiedades se adquiriron, no que se prevé o maior investimento —10,4 millóns de euros— e onde máis vivenda pública se mobilizará —38 VPP e 4 locais comerciais—.

Por iso e tendo en conta que a finais do pasado mes de xaneiro foi declarada a área Rexurbe da cidade, a conselleira anunciou que Ferrol será, xunto á Coruña, un dos municipios nos que a Xunta centrará este ano a convocatoria deste programa, no que se incluirán tamén outros concellos aínda por confirmar.
Acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e ante máis dun cento de representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 20 concellos da comarca, Ángeles Vázquez subliñou a gran oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas de axudas e incentivos no eido residencial que ten previsto convocar o seu departamento este ano e que permitirán poñer a disposición de particulares, concellos e promotores máis de 150 millóns de euros.

Precisamente, o obxectivo destas xornadas itinerantes, que comezaron en febreiro en Pontevedra e percorrerán varias comarcas nas vindeiras semanas, é expoñer e trasladar aos seus potenciais beneficiarios a información fundamental relacionada con estas axudas.

A tal fin, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos programas que xestionará en 2022 este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías máximas das axudas e os prazos de presentación para os que xa están publicados.

Así mesmo, Ángeles Vázquez subliñou que, de forma complementaria a estas liñas, a Xunta seguirá impulsando actuacións directas para incrementar o parque público residencial, sobre todo en municipios que, como Ferrol, concentran unha maior demanda. Neste sentido, avanzou que, no marco do concurso de solo residencial que convocará Xestur no segundo trimestre deste ano, incluiranse 8 parcelas no Bertón, coa previsión de construír nas mesmas 438 vivendas protexidas.

Beneficiarios en Ferrol Terra

Durante a súa intervención, a conselleira animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de axudas en materia de vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír así a dinamizar o mercado da vivenda de Ferrol e a súa comarca.

En concreto, haberá incentivos á rehabilitación do parque residencial dirixidos a particulares e comunidades, como as axudas a nivel de barrio, que se poden solicitar desde o pasado 4 de marzo para obter unha axuda de ata 3.000 euros para actuacións que reduzan o consumo e melloren a eficiencia enerxética dos fogares, principalmente a través do cambio de ventás; ou o programa de subvencións para recuperar inmobles dentro da Área de rehabilitación integral (ARI) supramunicipal dos Camiños de Santiago.

Así mesmo, co fin de facilitar o acceso a unha vivenda en propiedade, está aberto ata o 30 de setembro o prazo para solicitar as axudas para comprar unha VPP ou para adquirir un inmoble nun dos case medio cento de centros históricos declarados en Galicia.

No eido do alugueiro, manteranse programas xa consolidados como as axudas ao alugueiro ou o Bono social e o Bono para vítimas de violencia de xénero, ao tempo que se empezarán a xestionar novas axudas, como o Bono de alugueiro mozo ou os incentivos para menores de 35 anos que opten por irse a vivir como arrendatarios ao rural, contribuíndo así ao reto demográfico.

De feito, as últimas convocatorias dalgún destes programas tiveron moi boa acollida na comarca ferrolá. A modo de exemplo, o ano pasado 14 familias da comarca —13 en Ferrol, o concello con máis beneficiarios de Galicia, e 1 en Neda— recibiron unha axuda para mercar a súa vivenda habitual nun centro histórico; e 7 beneficiáronse dunha subvención para comprar casa nalgún dos 9 municipios de menos de 5.000 habitantes de Ferrol Terra —concretamente, 1 en Cabanas, 3 en Cariño, 1 en Monfero e 2 en San Sadurniño—.

Así mesmo, tendo en conta que o Camiño Inglés discorre polos municipios de Ferrol, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume, os propietarios de inmobles nalgún destes concellos poderán optar ata o 30 de setembro a unha axuda de, como máximo, 25.000 euros para rehabilitar a súa vivenda localizada dentro da ARI dos Camiños de Santiago.

Fonte | Xunta de Galicia