A Xunta destinará case 200.000 euros a pagar os xuros de préstamos a particulares para a rehabilitación de vivendas | Observatorio de Vivenda

A Xunta destinará case 200.000 euros a pagar os xuros de préstamos a particulares para a rehabilitación de vivendas

A Xunta destinará case 200.000 euros a pagar os xuros de préstamos a particulares para a rehabilitación de vivendas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará un total de 199.048,20 euros á subsidiación dos xuros correspondentes aos préstamos que se concedan este ano para rehabilitar edificios e vivendas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se convocan as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de inmobles de carácter residencial. Trátase dunha medida incluída no Pacto social pola vivenda.

Cómpre lembrar que estes créditos van dirixidos a particulares e comunidades de propietarios que buscan financiamento para executar obras de rehabilitación en edificios e vivendas (adecuación estrutural e construtiva, mellora das condicións de habitabilidade e da eficiencia enerxética, adecuación á normativa sobre accesibilidade e cuestións de acabado xeral) e son concedidos por entidades financeiras que teñen un convenio co Instituto Galego da Vivenda e Solo para ofrecer aos solicitantes unha serie de condicións vantaxosas.

Así mesmo, a concesión do préstamo por parte das entidades poderá ir acompañada dunha axuda da Xunta consistente na subsidiación dos xuros correspondentes, sempre que o solicitante cumpra certos requisitos. Así, estas axudas van dirixidas exclusivamente a persoas físicas, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, e sempre que os seus ingresos non superen en 5,5 veces o Indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

Fonte | Xunta de Galicia