Xunta e Concello acordan cooperar na adquisición de inmobles para rehabilitar a Área Rexurbe da Coruña | Observatorio de Vivenda

Xunta e Concello acordan cooperar na adquisición de inmobles para rehabilitar a Área Rexurbe da Coruña

Xunta e Concello acordan cooperar na adquisición de inmobles para rehabilitar a Área Rexurbe da Coruña

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a Consellería de Urbanismo da Coruña acordaron hoxe cooperar para adquirir inmobles na Área Rexurbe, co fin de rehabilitalos e facilitar vivendas na cidade herculina.

Para que o Programa Rexurbe se leve a cabo con eficacia precísase dunha implicación directa do Concello na zona na que se fixo a oferta para adquisición pública de inmobles ao cargo do Programa Rexurbe, pois é a administración local a que debe esixir o cumprimento das obrigas, como conservar en bo estado as propiedades e xestionar as axudas aos donos dos inmobles ao amparo da área de rehabilitación integral existentes nese ámbito.

Desta forma, o Concello de Coruña trasladou o seu compromiso de colaborar e de avanzar da man coa Xunta, asumindo o traballo de revisión dos posibles requirimentos e esixencias pendentes nos inmobles dese ámbito, facilitando así a rehabilitación dos mesmos xa sexa polos propios particulares ou mediante actuacións públicas.

A área Rexurbe da Coruña comprende dous ámbitos dentro do conxunto histórico, a améndoa central da Cidade Vella e o eixo Orzán-Panadeiras. A superficie total da área é de 0,08 quilómetros cadrados, existindo na mesma, segundo a memoria presentada polo concello, 519 edificios cun total de 2.188 vivendas. Dese total existen 73 edificios que se atopan en estado deficiente, malo ou ruinoso. Polo tanto, o IGVS demanda a colaboración do concello co obxectivo de que a rehabilitación da zona comprendida no eixo Orzán-Panaderas se poida iniciar o antes posible co obxectivo de recuperar a zona e poñer as vivendas resultantes a disposición dos coruñeses.

Fonte | Xunta de Galicia