A Xunta e o COAG intercambian ideas para enriquecer a futura lei de arquitectura co reto de converter a Galicia nun referente neste eido | Observatorio de Vivenda

A Xunta e o COAG intercambian ideas para enriquecer a futura lei de arquitectura co reto de converter a Galicia nun referente neste eido

A Xunta e o COAG intercambian ideas para enriquecer a futura lei de arquitectura co reto de converter a Galicia nun referente neste eido

A Xunta de Galicia contará co apoio e a colaboración dos arquitectos para seguir avanzando e enriquecendo a futura Lei de arquitectura galega, unha norma actualmente en redacción e impulsada polo Goberno autonómico co reto de converter á Comunidade nun referente neste eido.

Así o acordaron a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e a decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia, no marco dunha reunión para abordar o contido da futura norma, na que tamén participaron outros membros da xunta de goberno do órgano colexial.

Cómpre lembrar que unha vez superada a fase de consulta previa, o Consello da Xunta autorizou no mes de novembro o inicio da tramitación da Lei de arquitectura, abrindo a continuación un período de información pública. No marco desta fase da tramitación, xa finalizada, un total de 12 organismos, de carácter público e privado, empresas e particulares enviaron á Xunta as súas alegacións ao anteproxecto.

Precisamente, o COAG foi unha das entidades que participou no proceso, remitindo unha serie de achegas orientadas a enriquecer e mellorar determinados aspectos da norma. Neste sentido, os arquitectos trasladáronlle á directora xeral a gran oportunidade que supón poder dotar a Galicia dun marco legal “de vangarda” que marque un auténtico fito no conxunto do país, un obxectivo cara o que orientaron as súas alegacións.

Para logralo, apostan por poñer o foco na mellora da calidade arquitectónica, facendo de Galicia un referente neste eido. Ademais, os arquitectos inciden na necesidade de redactar o texto desde unha perspectiva ambiciosa e partindo do feito de que a arquitectura “deseña solucións que afectan á vida das persoas” xa que inflúen nas súas condicións de traballo e de ocio e grazas a ela “constrúese cidade e territorio”.

Pola súa parte, a directora xeral agradeceu o talante construtivo do COAG, como órgano de representación dun colectivo chamado a xogar un papel clave para o desenvolvemento e a aplicación práctica da futura normativa autonómica.

Neste sentido, lembrou que a Xunta quere situar a arquitectura no ordenamento xurídico galego, dando resposta ao interese público e social que así o demanda e co fin de que esta disciplina se integre nos plans, programas e proxectos que afectan ao medio construído.
Cómpre lembrar que, a día de hoxe, só Cataluña conta cunha norma propia neste eido e a Lei de arquitectura estatal atópase actualmente en tramitación. Por iso, a directora xeral e mais os representantes do COAG coincidiron no obxectivo de apostar por unha norma galega “ambiciosa” en canto aos seus obxectivos e de alcance para a Comunidade. De feito, a futura Lei de arquitectura galega aspira a ser máis ampla e a ter un alcance maior que a de ámbito estatal, ao regular as particularidades dos contratos de servizo do proceso arquitectónico, entre outras cuestións.

Fonte | Xunta de Galicia