A Xunta e o Colexio de Administradores de fincas presentan unha guía de pautas fronte á COVID para poder celebrar xuntas veciñais | Observatorio de Vivenda

A Xunta e o Colexio de Administradores de fincas presentan unha guía de pautas fronte á COVID para poder celebrar xuntas veciñais

A Xunta e o Colexio de Administradores de fincas presentan unha guía de pautas fronte á COVID para poder celebrar xuntas veciñais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (Coafga) presentaron esta mañá a nova guía con recomendacións preventivas fronte ao coronavirus para poder celebrar xuntas veciñais coas máximas garantías sanitarias. O protocolo, que estará a disposición do colectivo de administradores como documento de consulta e referencia, inclúe toda unha serie de consellos e medidas tanto de hixiene e limpeza como organizativas que se deben adoptar antes da celebración da xuntanza, durante a mesma e tamén ao seu remate.

Neste sentido, entre as recomendacións para planificar a celebración en condicións de seguridade deste tipo de reunións figuran evitar reunirse en lugares que dificulten manter a distancia de seguridade de 1,5 metros, como poden ser garaxes, portais ou zonas de paso, establecer sistemas de control de acceso ordenado e que impidan posibles aglomeracións, distribuír o espazo de xeito que todos os asistentes poidan estar sentados, obrigar ao uso de máscaras, e garantir medidas de hixiene, limpeza e desinfección adaptadas ao actual contexto sanitario, como poñer a disposición dos asistentes solucións hidroalcohólicas, ventilar o local antes e despois da reunión ou evitar repartir material impreso.

Cómpre lembrar que, legalmente, é obrigatorio celebrar este tipo de reunións polo menos unha vez ao ano, ao tempo que determinados acordos importantes para o bo funcionamento das comunidades tampouco se poden aprazar, como a renovación dos cargos directivos ou a aprobación dos orzamentos. Neste sentido, os administradores de fincas xogan un papael clave á hora de facilitar o día a día da xestión das comunidades de propietarios.

Fonte | IGVS