A Xunta e o Concello da Coruña apostan polo Programa Rexurbe para revitalizar o centro histórico pola vía da rehabilitación | Observatorio de Vivenda

A Xunta e o Concello da Coruña apostan polo Programa Rexurbe para revitalizar o centro histórico pola vía da rehabilitación

A Xunta e o Concello da Coruña apostan polo Programa Rexurbe para revitalizar o centro histórico pola vía da rehabilitación

A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña presentaron xa os detalles e obxectivos principais da última convocatoria do chamado Programa Rexurbe, unha iniciativa que ten como fin a adquisición e rehabilitación de inmobles deteriorados ou en estado de semiabandono en conxuntos históricos e zonas degradadas e coa que este ano se pretende revitalizar o corazón da Cidade Vella coruñesa.

Dos 1,5 millóns de euros reservados para o programa en 2021, 1 millón está reservado só á cidade herculina, polo que a colaboración e implicación tanto da veciñanza como do tecido económico e empresarial é imprescindible para garantir que se cumpran os obxectivos. As vivendas resultantes cualificaranse como vivendas de promoción pública (VPP) e pasarán a integrar o parque público residencial da cidade, adxudicándose en réxime de alugueiro a través do Rexistro único de demandantes de vivenda.

Deste xeito, o ámbito no que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) pretende mercar edificios para rehabilitar coincide coa Área Rexurbe da Coruña, declarada o ano pasado e que abrangue a zona coñecida como Pescadería –San Andrés, Orzán e Panadeiras- e a Cidade Vella –a contorna entre as prazas de Santa Bárbara, Santo Domingo, Azcárraga e a Colexiata de Santa María do Campo-.

Fonte | IGVS