Xunta e Valedora do Pobo intercambiarán información sobre familias afectadas por execucións hipotecarias e desafiuzamentos para dar un mellor servizo | Observatorio de Vivenda

Xunta e Valedora do Pobo intercambiarán información sobre familias afectadas por execucións hipotecarias e desafiuzamentos para dar un mellor servizo

Xunta e Valedora do Pobo intercambiarán información sobre familias afectadas por execucións hipotecarias e desafiuzamentos para dar un mellor servizo

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Valedor do Pobo colaborarán un ano máis co fin de intercambiar información de forma áxil e fluída sobre as persoas afectadas en Galicia por procedementos de execucións hipotecarias e desafiuzamentos por impago. 

O obxectivo é dobre: por unha banda, renovar o marco de colaboración establecido entre o IGVS e a institución parlamentaria para garantir unha mellor atención e información ás familias afectadas sobre os seus dereitos e as actuacións e medidas desenvolvidas por parte da Xunta para responder a este tipo de situacións; e por outra, establecer canles de comunicación áxiles e preferentemente por vía electrónica para que flúa a información correspondente ás queixas ou consultas presentadas ante o Valedor sobre esta materia, co fin de que o IGVS poida valoralas e proceder, se é o caso, a activar os mecanismos dispoñibles para ofrecer unha resposta.

Co fin de brindar protección e proporcionar resposta ás necesidades destas persoas, o Valedor do Pobo seguirá impulsando e dando a coñecer cantas medidas vaian orientadas a procurar a efectividade do dereito a desfrutar dunha vivenda digna e adecuada.

Así mesmo, na liña de dar continuidade ás actuacións desenvolvidas desde o ano 2015 en base aos acordos de colaboración co IGVS, o Valedor tamén suxerirá ou recomendará ás administracións locais a adhesión ao programa de vivendas baleiras posto en marcha pola Xunta a fin de optimizar as que estean desocupadas nos referidos concellos.

Fonte | Xunta de Galicia