A Xunta entrega catro vivendas de promoción pública en diferentes barrios de Lugo | Observatorio de Vivenda

A Xunta entrega catro vivendas de promoción pública en diferentes barrios de Lugo

A Xunta entrega catro vivendas de promoción pública en diferentes barrios de Lugo

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), entregou catro vivendas nos barrios da Tinería, A Ponte e Garabolos a outros tantos adxudicatarios, da man do delegado territorial da Xunta en Lugo. Coas vivendas adxudicadas, todas elas en réxime de alugamento, a Xunta pasará a ter 170 ocupadas e tres en proceso no barrio de Garabolos; 37 ocupadas na avenida Fermín Rivera das 42 de que dispón; e 85 vivendas ocupadas das 96 rehabilitadas no emblemático barrio da Tinería.

No que respecta a este barrio, a vivenda entregada trátase dun piso de dous dormitorios, trasteiro e algo máis de 76 metros cadrados. A entrega deste inmoble supón a continuidade dun proceso de rehabilitación e adxudicación de vivendas nun barrio no que a Xunta de Galicia recuperou uns 40 edificios, con máis de 90 pisos, co fin de destinalos a promoción pública e tamén apostar pola dinamización da Tinería. Ao parque de vivendas en réxime de alugamento, hai que engadir os preto de 30 locais comerciais postos a disposición de novos emprendedores.

Por outra banda, en canto ao barrio de A Ponte, as vivendas son dous pisos con garaxe, trasteiro e dous dormitorios e cunhas superficies de 64 a 69 metros cadrados, mentres que no que atinxe á zona de Garabolos, a adxudicataria é unha persoa con mobilidade reducida.

Fonte | Xunta de Galicia