A Xunta entrega dúas vivendas de promoción pública na Tinería, en Lugo | Observatorio de Vivenda

A Xunta entrega dúas vivendas de promoción pública na Tinería, en Lugo

A Xunta entrega dúas vivendas de promoción pública na Tinería, en Lugo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entregou hoxe en réxime de alugamento dúas vivendas de promoción pública no casco histórico de Lugo. Unha delas está situada na Travesía do Miño, mide 58,5 metros cadrados de superficie, ten dous dormitorios e tamén conta con rocho. A outra é un apartamento de 42,5 metros cadrados e cun dormitorio situado na rúa Tinería.

Este acto destaca a aposta do Goberno galego pola recuperación urbanística e social do barrio, que pasa por seguir rehabilitando inmobles e atraer novos veciños e veciñas. 

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), rehabilitou desde 2001 un total de 40 edificios do emblemático barrio, que posteriormente converteu en 96 vivendas e 23 locais comerciais.
Proba do compromiso que a Xunta de Galicia ten coa zona da Tinería é que, ao marxe dos grandes proxectos futuros como a Casa da Torre e o Pazo de Doña Urraca, nesta zona leva anos desenvolvendo actuacións dirixidas á recuperación de inmobles e a asentar poboación. De feito, só nos últimos 12 anos o Goberno Galego leva investidos máis de 26 millóns de euros na compra, rehabilitación e adxudicación de vivendas.

Fonte | Xunta de Galicia