A Xunta habilitará un teléfono de información e asesoramento legal para afectados por casos de ocupación de vivendas | Observatorio de Vivenda

A Xunta habilitará un teléfono de información e asesoramento legal para afectados por casos de ocupación de vivendas

A Xunta habilitará un teléfono de información e asesoramento legal para afectados por casos de ocupación de vivendas

A Xunta de Galicia habilitará un teléfono de atención ao cidadán para facilitar información e asesoramento legal aos propietarios que se vexan afectados pola ocupación das súas vivendas. Así a anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que o seu departamento xa contactou co Consello da Avogacía Galega co fin de establecer un protocolo de colaboración que garanta aos cidadáns unha atención personalizada e con todas as garantías en casos deste tipo.

A pesar de que as competencias autonómicas nesta materia son moi limitadas, a conselleira avanzou que a Xunta traballa na actualidade co fin de impulsar dúas medidas que poderían contribuír e resultar de utilidade de cara á resolución do problema.

Así, ademais da posta en marcha dun teléfono de información xurídica ao cidadán, realizarase un Mapa de vivendas ocupadas en Galicia, un traballo que será elaborado en colaboración cos Axentes da Propiedade inmobiliaria e Administradores de Fincas xa que son as que teñen datos reais e de primeira man sobre estes supostos.

O obxectivo do futuro mapa será obter datos reais sobre o problema da ocupación na Comunidade galega, para o cal tamén se completará a información achegada polos axentes e administradores con datos procedentes do Ministerio do Interior e proporcionados pola Delegación do Goberno.

Fonte | Xunta de Galicia