A Xunta impulsa a rehabilitación de cinco inmobles concedendo 1,2 M€ en préstamos sen xuros a tres concellos lucenses | Observatorio de Vivenda

A Xunta impulsa a rehabilitación de cinco inmobles concedendo 1,2 M€ en préstamos sen xuros a tres concellos lucenses

 A Xunta impulsa a rehabilitación de cinco inmobles concedendo 1,2 M€ en préstamos sen xuros a tres concellos lucenses

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsa na provincia de Lugo a rehabilitación de cinco edificios que acollerán distintos servizos públicos en Barreiros, Outeiro de Rei e Mondoñedo, grazas á concesión de préstamos sen xuros por importe global de 1,2 millóns de euros, a través do Fondo de Cooperación.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, durante unha visita a Barreiros, onde se reformarán o teleclub e as antigas escolas de San Cosme. No primeiro caso concedéronse 513.200 euros de financiamento para remodelar as instalacións, que acollerán proxectos de dinamización económica e social; así mesmo, destínanse 200.600 euros ás escolas, para albergar un arquivo e outras dependencias administrativas e sociais.

Desde xuño está aberta unha nova convocatoria deste Fondo de cooperación para apoiar o financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, e o prazo para presentar solicitudes remata o 1 de outubro.

O programa, que xestiona o Instituto Galego de Vivenda e Solo, reserva nesta edición case 4,5 millóns de euros para permitir aos concellos recuperar e definir novos usos en inmobles que están infrautilizados.

 

Fonte | Xunta de Galicia