A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de 33 vivendas de promoción pública no Concello de Vigo | Observatorio de Vivenda

A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de 33 vivendas de promoción pública no Concello de Vigo

A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de 33 vivendas de promoción pública no Concello de Vigo

A Xunta de Galicia vén de iniciar o procedemento para a adxudicación dun total de 33 vivendas de promoción pública (VPP) de nova construción no Concello de Vigo, que actualmente están en proceso de construción na rúa Ignacio Groba 19. Ademais, tamén se inicia o procedemento para elaborar unha lista de adxudicatarios de futuras vivendas vacantes noutros grupos de VPP da cidade.

As vivendas serán adxudicadas mediante sorteo público, que se celebrará o 22 de outubro entre os demandantes que na data de hoxe estean inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia ou teñan solicitada a inscrición.

As vivendas a adxudicar dispoñen de 2, 3 ou 4 dormitorios e cada vivenda leva vinculada unha praza de garaxe e un rocho.

Na adxudicación das vivendas adaptadas para mobilidade reducida terán preferencia, en primeiro lugar, aquelas persoas que precisen de cadeira para os seus desprazamentos ou dependan absolutamente de dous bastóns para deambular. En segundo lugar terán preferencia as persoas que acrediten unha enfermidade ou discapacidade permanente que, polo seu desenvolvemento, poida chegar a impedir desprazarse sen axuda ou que afecten notoriamente a súa mobilidade.

As vivendas adxudicaranse en réxime de alugueiro cando os ingresos da unidade familiar non superen 1,5 veces o Iprem e en réxime de compravenda para ingresos familiares entre 1,5 e 2,5 veces o Iprem.

A lista de adxudicatarios provisionais resultante do sorteo, publicarase nos taboleiros de anuncios do Concello de Vigo, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do IGVS. Despois da publicación da lista provisional os solicitantes que se consideren prexudicados no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación, para presentar reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda.

Fonte | Xunta de Galicia