A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de tres vivendas de promoción pública no concello de Pontevedra | Observatorio de Vivenda

A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de tres vivendas de promoción pública no concello de Pontevedra

A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de tres vivendas de promoción pública no concello de Pontevedra

A Xunta de Galicia acaba de iniciar o procedemento de selección dos adxudicatarios de tres vivendas de promoción pública no barrio pontevedrés de Monteporreiro que foron obxecto dunha actuación de rehabilitación en materia de eficiencia enerxética por parte do IGVS, cun investimento de case 600.000 euros.

Segundo consta na resolución publicada no DOG, as tres VPP están localizadas na rúa Alemaña e teñen unha superficie útil de 75 metros cadrados, pensadas para unidades familiares de catro ou máis membros. Nos tres casos as vivendas constan de tres dormitorios e levan vencellado un rocho.

A adxudicación producirase en réxime de propiedade ou arrendamento. As condicións que deberán cumprir as persoas beneficiarias será estar inscrito ou ter a solicitude de inscrición presentada no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia para o municipio de Pontevedra a día de hoxe, ter uns ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM, residir ou traballar no concello no que se localizan as vivendas, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar, e carecer de vivenda en calidade de propietario.

Os adxudicatarios provisionais resultantes do sorteo publicarase nos taboleiros de anuncios do Concello de Pontevedra, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web deste organismo. En todo caso, despois da publicación da lista provisional os solicitantes que se consideren prexudicados disporán dun prazo de 10 días desde a publicación para presentar a correspondente reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda.

Fonte | Xunta de Galicia