A Xunta inicia o proceso de adxudicación de 9 vivendas de promoción pública en Ferrol | Observatorio de Vivenda

A Xunta inicia o proceso de adxudicación de 9 vivendas de promoción pública en Ferrol

A Xunta inicia o proceso de adxudicación de 9 vivendas de promoción pública en Ferrol
  • Poden optar aquelas persoas que se atopen inscritas no Rexistro único de demandantes de vivenda coa cidade como concello preferente
  • Martina Aneiros lembra que ata o vindeiro 15 de xullo os propietarios de Ferrol Vello poden presentar ofertas de venda de inmobles no marco do programa Rexurbe

 

A Xunta de Galicia iniciou hoxe o proceso de adxudicación de 9 vivendas de promoción pública a outras tantas familias en Ferrol.

 
A Comisión Provincial de Vivenda do Instituto Galego da Vivenda e Solo deu conta destes avances na súa reunión celebrada hoxe na Coruña.

 
En concreto, deu inicio o proceso de selección de adxudicatarios para 5 vivendas de promoción pública, en segundas ou posteriores adxudicacións, localizadas na rúa Fonte da Greza, no barrio de Caranza. Trátase de inmobles de entre 40,75 e 55,60 metros cadrados, de 1 ou 2 habitacións, e con garaxe e rocho.

 
Neste caso, son aloxamentos protexidos que se adxudicarán en réxime de alugueiro e destinados a persoas maiores de 60 anos ou menores de 35 anos, con ingresos de entre 0,7 e 2,5 veces o Índice público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

 
O sorteo está previsto para o vindeiro mes de maio. Cómpre lembrar que poden optar a estas vivendas aquelas persoas que se atopen inscritas no Rexistro único de demandantes de vivenda a día de hoxe, co concello de Ferrol como municipio preferente.

 
Por outra banda, a Xunta deu conta doutras 4 vivendas de promoción pública que, despois de ser reparadas, se inclúen desde hoxe no proceso selección de persoas adxudicatarias. Están localizadas na rúa Aciñeira, no barrio de Catabois; e na rúa Mestre López Dafonte, na avenida Castelao e na rúa Lepanto, en Caranza. Neste caso, teñen entre 56 e 71,96 metros cadrados e son de 2 ou 3 habitacións.

 
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, subliñou que a aposta do Goberno galego pola vivenda pública na cidade “é unha realidade” e que a Xunta “traballa a diario para tratar de que os colectivos máis vulnerables non só teñan un lugar onde vivir, se non que o poidan converter nun verdadeiro fogar”.

 
Neste sentido, lembrou que ata o vindeiro 15 de xullo os propietarios de Ferrol Vello poden presentar ofertas de venda de inmobles no marco do programa Rexurbe, co obxectivo de que sexan rehabilitados pola Xunta e destinados a vivenda pública. No caso da urbe naval, a previsión deste ano é destinar 200.000 euros.

 

Fonte.- Xunta de Galicia