A Xunta inicia o proceso para adxudicar en alugueiro tres vivendas de promoción pública nas Pontes | Observatorio de Vivenda

A Xunta inicia o proceso para adxudicar en alugueiro tres vivendas de promoción pública nas Pontes

A Xunta inicia o proceso para adxudicar en alugueiro tres vivendas de promoción pública nas Pontes

A Xunta de Galicia acaba de iniciar o procedemento para seleccionar os futuros adxudicatarios de tres vivendas de promoción pública (VPP) no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez. De acordo coa cualificación definitiva destes inmobles, a súa asignación deberá facerse en réxime de alugueiro e irán dirixidos ao colectivo de maiores de 60 anos ou a menores de 35.

Ademais do criterio da idade, os beneficiarios terán que cumprir unha serie de requisitos: estar inscritos ou ter a solicitude de inscrición presentada a día de hoxe no Rexistro único de demandantes de vivenda de Galicia para o municipio das Pontes de García Rodríguez, ter uns ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM, residir ou traballar no concello no que se localizan as vivendas e carecer dunha vivenda en propiedade.

Para a adxudicación, elaborarase unha listaxe con todas as persoas anotadas no Rexistro como demandantes de vivenda protexida no concello das Pontes e a partir dela, farase un sorteo ante notario o día 26 de outubro. Deste procedemento sairá unha relación de candidatos provisionais, seguindo a orde de selección que se derive do propio sorteo.

Fonte | Xunta de Galcia