A Xunta inicia os trámites para abrir unha Comisión Bilateral co Estado e tentar resolver as dúbidas competenciais da nova Lei polo dereito á vivenda | Observatorio de Vivenda

A Xunta inicia os trámites para abrir unha Comisión Bilateral co Estado e tentar resolver as dúbidas competenciais da nova Lei polo dereito á vivenda

 A Xunta inicia os trámites para abrir unha Comisión Bilateral co Estado e tentar resolver as dúbidas competenciais da nova Lei polo dereito á vivenda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego impulsará os trámites necesarios para solicitar a convocatoria dunha Comisión bilateral de cooperación entre o Estado e a Comunidade autónoma co fin de “intentar resolver as dúbidas e discrepancias” competenciais xurdidas a raíz da recente aprobación da Lei polo dereito á vivenda, en vigor desde o pasado 26 de maio.

Neste sentido, e tras recibir hoxe a autorización do Consello, o titular do Goberno galego explicou que o seguinte paso será remitir de inmediato ao Executivo central unha invitación para celebrar a referida comisión, un procedemento legalmente previsto para que as administracións públicas poidan solucionar de forma negociada as súas discrepancias sobre o contido dunha determinada lei evitando recorrer á Xustiza. “Cremos que é bo dialogar antes e corrixir as eivas que advertimos”, explicou.

Deste xeito, a Xunta quere esgotar a vía do diálogo co Goberno central para buscar un acordo que permita clarificar e modificar aquelas disposicións da nova lei estatal de vivenda que poden invadir as súas competencias, sen necesidade de ter que chegar á interposición dun recurso de inconstitucionalidade.

Fonte.- Xunta de Galicia