A Xunta invita aos alcaldes ourensáns da Ribeira Sacra a que informen aos seus veciños das axudas dispoñibles para conservación e rehabilitación de inmobles | Observatorio de Vivenda

A Xunta invita aos alcaldes ourensáns da Ribeira Sacra a que informen aos seus veciños das axudas dispoñibles para conservación e rehabilitación de inmobles

A Xunta invita aos alcaldes ourensáns da Ribeira Sacra a que informen aos seus veciños das axudas dispoñibles para conservación e rehabilitación de inmobles

O delegado territorial da Xunta en Ourense reuniuse con alcaldes e técnicos dos 12 concellos ourensáns que forman parte da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Ribeira Sacra para invitalos a que informen aos seus veciños das axudas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará este ano a promover a conservación e a rehabilitación dos inmobles existentes dentro deste ámbito, por un importe global de 850.000 euros.

Así, transmitiulle aos alcaldes de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, Manzaneda, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo a necesidade de animar aos cidadáns a optar a esta liña de subvencións públicas, á que poden acollerse aínda ata o vindeiro 30 de setembro.

En concreto, o pasado 22 de marzo convocáronse as axudas financiadas ao abeiro do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018-2021 correspondentes á xa mencionada ARI da Ribeira Sacra (850.000 €), á ARI dos Camiños de Santiago (1,3 M€) e á ARI das Illas Atlánticas (32.000 €). O prazo para presentar solicitudes ao abeiro destes tres programas remata o 30 de setembro.

Fonte | Xunta de Galicia