A Xunta licita por case 4,4 M€ a obra de remate dun edificio de 24 vivendas de promoción pública en Santiago | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita por case 4,4 M€ a obra de remate dun edificio de 24 vivendas de promoción pública en Santiago

A Xunta licita por case 4,4 M€ a obra de remate dun edificio de 24 vivendas de promoción pública en Santiago

A Xunta de Galicia licitou esta semana por un orzamento de 4.390.485,10 euros as obras de remate da construción dun edificio de 24 vivendas de promoción pública (VPP) en Santiago de Compostela, localizado concretamente na parcela 4B2 do SUNP 13, en dirección á Estrada.

Cómpre lembrar que esta obra xa está iniciada, téndose realizado xa os traballos situados baixo a rasante do terreo —escavacións, cimentación e sotos—, así como a placa da planta baixa. As dificultades atopadas pola empresa adxudicataria nos traballos de escavación, con múltiples conducións de servizos públicos no terreo que foi necesario desviar, así como os incrementos dos prezos dos subministros da construción, fixeron que a continuación do contrato resultase imposible, polo que foi rescindido.

Agora, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) licita as obras para rematar os traballos xa iniciados, cun prazo de execución previsto de 12 meses segundo figura no propio contrato.

Fonte.- Xunta de Galicia