A Xunta pide ao Goberno central desbloquear o Plan estatal de vivenda e o Bono mozo para axilizar as convocatorias de máis de 26 M€ de axudas ao alugueiro | Observatorio de Vivenda

A Xunta pide ao Goberno central desbloquear o Plan estatal de vivenda e o Bono mozo para axilizar as convocatorias de máis de 26 M€ de axudas ao alugueiro

A Xunta pide ao Goberno central desbloquear o Plan estatal de vivenda e o Bono mozo para axilizar as convocatorias de máis de 26 M€ de axudas ao alugueiro
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda respondeu unha interpelación no Pleno do Parlamento
  • Ángeles Vázquez sinala que as comunidades autónomas non poden publicar as ordes correspondentes mentres non se transfiran os fondos de cada programa e non se asinen os convenios de colaboración

 

A Xunta pide ao Goberno central desbloquear o Plan estatal de vivenda 2022-2025 e o Bono mozo para axilizar a convocatoria das ordes de axudas ao alugueiro que suman máis de 26 millóns de euros no caso de Galicia.

Tal e como explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o Goberno galego quere activar canto antes varios programas concretos, como son as axudas para o pago do alugueiro destinadas ao conxunto da poboación, o Bono alugueiro mozo, Bono de alugueiro social para os colectivos máis desfavorecidos e o Bono para vítimas de violencia de xénero.

A responsable en materia de Vivenda da Xunta sinalou na súa interpelación no Parlamento que, se ben é certo que o Plan de vivenda e o Bono para mozos están aprobados, o Goberno central acaba de comunicar a súa intención de modificar o Real Decreto que os regula, polo que esta decisión suporá un novo atraso.

Nese sentido, pediu ao Goberno central que poña fin aos cambios constantes sobre os programas de vivenda, xa que impiden a publicación das convocatorias un trámite que lle corresponde ás comunidades. “Non podemos concretar unha data de convocatoria, a pesar de que algún representante do Goberno central na Comunidade visite as vilas galegas anunciándoas e xerando expectativas entre a cidadanía”, incidiu a conselleira.

Aclarou que os programas de axudas non se poden poñer en marcha ata que non se solucionen dous trámites imprescindibles: proceder ao reparto de fondos entre as comunidades autónomas e asinar os correspondentes convenios de colaboración. Engadiu que a demora de catro meses de aplicación do Plan está a prexudicar de xeito directo aos cidadáns, que non poden acceder aos incentivos públicos.

Por último, sinalou que o Plan de vivenda non é unha ferramenta nova, pois xa se teñen executados outros, “pero o Goberno central empeñouse en facer cambios continuos que só aportan complexidade na xestión e programas inaplicables”. Por este motivo, solicitoulle que avance os dous pasos decisivos para deixar traballar ás comunidades e poder convocar as axudas.

 

Fonte.- Xunta de Galicia