A Xunta pide que se reconsideren as condicións para a aplicación dos fondos europeos de vivenda | Observatorio de Vivenda

A Xunta pide que se reconsideren as condicións para a aplicación dos fondos europeos de vivenda

A Xunta pide que se reconsideren as condicións para a aplicación dos fondos europeos de vivenda

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que o Goberno galego está de acordo co reparto dos fondos, dos cales a Galicia lle corresponden 94,5 millóns de euros, pero ven os prazos e os requisitos esixidos aos beneficiarios certamente complexos. É por isto que a Xunta de Galicia pide ao Goberno central que reconsidere as condicións que se fixan nos programas de vivenda dos fondos europeos de recuperación económica.

A mesma participou na Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo onde, entre outros puntos, concretou que un aspecto fundamental a corrixir é a contía das axudas que chegarán aos beneficiarios. Así mesmo, advertiu que tamén estaría ben corrixir os prazos para a execución dos fondos, pois o presente exercicio “xa é case un ano perdido” e, tendo en conta que no 2023 deberán estar aprobados os compromisos de gasto dos fondos asignados, o horizonte que resta para a materialización dos fondos é escaso. 

A conselleira de Medio Ambiente reiterou que “atopámonos ante unha situación única para reactivar a economía, pero o Ministerio fai unha serie de esixencias que van repercutir directamente sobre o solicitante e por iso lle pedimos que reformulen as axudas. España non pode perder esta oportunidade”.

 

Fonte | Xunta de Galicia