A Xunta publica as axudas ao alugueiro para minimizar o impacto da covid, que poderán solicitarse ata o próximo 30 de setembro | Observatorio de Vivenda

A Xunta publica as axudas ao alugueiro para minimizar o impacto da covid, que poderán solicitarse ata o próximo 30 de setembro

A Xunta publica as axudas ao alugueiro para minimizar o impacto da covid, que poderán solicitarse ata o próximo 30 de setembro

O Diario Oficial de Galicia publicou onte a resolución pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para 2021 este programa de subvencións, posto en marcha o pasado exercicio, precisamente, en resposta ás dificultades transitorias de moitas familias e colectivos para poder asumir o pago, parcial ou total, dos seus arrendamentos.

Tendo en conta a persistencia das situacións de vulnerabilidade derivadas da pandemia, este ano daráselle continuidade á liña de axudas ao alugueiro pola covid, dotada dun orzamento inicial de 2 millóns de euros.

Para poder beneficiarse da convocatoria de 2021, os solicitantes deberán ser titulares dun contrato de alugueiro sobre a súa vivenda habitual e permanente cunha duración mínima dun ano e acreditar que se atopan en situación de vulnerabilidade económica. A estes efectos, considerarase que cumpren os requisitos as persoas que estean en desemprego, ERTE ou redución de xornada laboral como consecuencia da covid e isto lles supuxera unha merma substancial de recursos.

Tamén poderán optar a estas axudas aquelas unidades familiares cuxos ingresos non superen, con carácter xeral, o límite de tres veces o IPREM, ou que teñan unha renda de alugueiro e uns gastos por subministros básicos superiores ou iguais ao 35% dos ingresos netos do conxunto dos seus membros.

Fonte | Xunta de Galicia