A Xunta recibe 2.500 solicitudes de axudas para mellorar a eficiencia enerxética en edificios e vivendas | Observatorio de Vivenda

A Xunta recibe 2.500 solicitudes de axudas para mellorar a eficiencia enerxética en edificios e vivendas

A Xunta recibe 2.500 solicitudes de axudas para mellorar a eficiencia enerxética en edificios e vivendas

A Xunta recibiu ata hoxe case 2.500 solicitudes por parte de comunidades de veciños e particulares para acollerse ás diferentes liñas de axudas convocadas este ano co fin de mellorar a eficiencia enerxética en edificios residenciais e vivendas a través da execución de obras de mellora na envolvente térmica, carpintería exterior e fiestras, cubertas ou sistemas de refrixeración e calefacción.

Durante unha visita na cidade da Coruña a un dos inmobles que se beneficiou destas subvencións ao abeiro da convocatoria de 2022, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou a boa acollida que tiveron tamén este ano as axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial financiadas con fondos europeos do programa NextGenerationUE.

Neste sentido, lembrou que hoxe remata o prazo para poder acollerse aos tres programas de axudas convocados o pasado mes de xuño polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e dotados cun orzamento global de máis de 43 millóns de euros.

En canto ás diferentes liñas de axudas, cómpre indicar que o programa de actuacións a nivel de vivenda, destinada á execución de pequenas obras, como cambio de ventás, suma este ano case 1.100 solicitudes; outras 1.000 corresponden ao programa a nivel de edificio; e 371, á orde de axudas para redactar proxectos e outra documentación necesaria para rehabilitar inmobles residenciais.

Fonte.- Xunta de Galicia