A Xunta salienta a aposta de particulares e concellos polo fermosismo ante o éxito da última convocatoria das axudas para corrixir impactos paisaxísticos | Observatorio de Vivenda

A Xunta salienta a aposta de particulares e concellos polo fermosismo ante o éxito da última convocatoria das axudas para corrixir impactos paisaxísticos

A Xunta salienta a aposta de particulares e concellos polo fermosismo ante o éxito da última convocatoria das axudas para corrixir impactos paisaxísticos

A Xunta de Galicia destacou hoxe a aposta cada vez máis decidida de cidadáns e concellos pola cultura do fermosismo, un compromiso que se reflicte na boa acollida que está a ter a convocatoria deste ano das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en vivendas, edificios públicos municipais e elementos etnográficos.

Así o subliñou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita á antiga escola unitaria de Lardeiros, no concello do Pino, destinada na actualidade a local social e cuxa fachada foi renovada recentemente polo Goberno local grazas a unha destas subvencións.

Tras lembrar que o prazo para a presentación de solicitudes se abriu o pasado 16 de xaneiro, a vicepresidenta salientou o éxito da nova convocatoria realizada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) en vista das numerosas solicitudes recibidas para acollerse a ambas ordes de axudas.

Neste sentido, puxo en valor a importancia de coidar, protexer e preservar as diferentes formas de paisaxes que conviven no territorio implicando ás administracións públicas e á cidadanía, xa que, recordou, é un dos “sinais de identidade” característicos que ten Galicia. Por iso, felicitou ao alcalde do Pino, Manuel Taboada, por contribuír ao fermosismo do seu municipio con intervencións como a realizada na escola unitaria ou o repintado e limpeza acometidos na Casa Consistorial en 2021 cunha axuda tamén do IET.

En canto aos tipos de intervención subvencionables, no caso da liña dirixida aos propietarios particulares prevese a posibilidade de actuar sobre fachadas, cubertas e muros de peche, así como a retirada de elementos adxacentes aos bens nos que se vaia intervir cando estes prexudiquen a súa imaxe ou causen algún impacto na contorna.

Pola súa banda, os concellos poderán solicitar estas axudas para executar traballos de renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais —liña 1— ou ben obras de índole menor que melloren o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos —liña 2—.

Cómpre lembrar que as axudas para a corrección de impactos paisaxísticos poden cubrir ata o 70% do orzamento subvencionable, cun límite de 3.000 euros por subvención no caso dos particulares e de ata 40.000 euros no das administracións locais —20.000 euros por cada unha das liñas de actuación previstas na convocatoria—.

Fonte.- Xunta de Galicia