A Xunta sinala como obxectivo central e prioritario da lexislatura chegar a poñer á disposición dos cidadáns 8.000 vivendas de promoción pública para duplicar o parque actual | Observatorio de Vivenda

A Xunta sinala como obxectivo central e prioritario da lexislatura chegar a poñer á disposición dos cidadáns 8.000 vivendas de promoción pública para duplicar o parque actual

A Xunta sinala como obxectivo central e prioritario da lexislatura chegar a poñer á disposición dos cidadáns 8.000 vivendas de promoción pública para duplicar o parque actual

A Xunta sitúa como obxectivo central e prioritario da lexislatura chegar a poñer á disposición dos cidadáns 8.000 vivendas de promoción pública para duplicar o parque actual. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, participou hoxe na clausura do V Congreso Inmobiliario de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias.

Martínez Allegue destacou que o fin prioritario do Goberno galego é traballar para facilitarlles aos cidadáns o acceso a unha vivenda de calidade, polo que tamén remarcou o obxectivo de impulsar o desenvolvemento de solo residencial para 20.000 inmobles protexidos. Apuntou que a Xunta seguirá avanzando para que os galegos poidan acceder a un fogar cun amplo abano de medidas en diferentes ámbitos. Neste sentido, salientou que o Executivo autonómico está concedendo axudas ao alugueiro e avais para a adquisición de vivendas.  Engadiu que se procura mobilizar inmobles baleiros con garantías para os propietarios a través dun triplo seguro de impago, asistencia xurídica e danos na vivenda. Tamén fixo fincapé na importancia de dinamizar o mercado da vivenda desde unha perspectiva accesible e cun marco xurídico claro e estable. A este respecto, indicou que antes de implantar medidas como a declaración de zonas tensionadas convén saber que, por exemplo, en Berlín este tipo de iniciativas reduciron a oferta de pisos en alugueiro, supuxeron o encarecemento da renda media e o fomento dunha sorte de mercado negro. Apelou ao traballo conxunto dos actores privados e as administracións públicas para acadar un marco común eficaz e positivo para os cidadáns, blindando a vivenda como un dos piares básicos do estado de benestar.

Ao longo dos debates que tiveron lugar no día de hoxe no marco deste V Congreso Inmobiliario de Galicia, a directora xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Elena Mancha, participou nunha mesa redonda sobre Responsabilidade Social Corporativa. Na súa intervención referiuse á Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e presentou a cuarta edición do programa Responsabilízate, co que a Xunta busca asesorar duascentas pequenas e medianas empresas nesta materia. A directora xeral salientou que o impulso da sustentabilidade social empresarial está regulado na nova Lei de igualdade que entrou en vigor ao remate da pasada lexislatura. Sinalou que ademais de contribuír á mellora do medio ambiente e á economía circular, as ferramentas de sustentabilidade social son cruciais para reter e capturar talento, apostando polo benestar laboral ao tempo que se incrementa a produtividade e a competitividade.

Fonte.- Xunta de Galicia