A Xunta suma o apoio das asociacións veciñais á súa demanda dunha reforma lexislativa que ofreza seguridade xurídica fronte á ocupación de vivendas | Observatorio de Vivenda

A Xunta suma o apoio das asociacións veciñais á súa demanda dunha reforma lexislativa que ofreza seguridade xurídica fronte á ocupación de vivendas

A Xunta suma o apoio das asociacións veciñais á súa demanda dunha reforma lexislativa que ofreza seguridade xurídica fronte á ocupación de vivendas
  • Os responsables das principais entidades veciñais de Galicia trasládanlle a Ángeles Vázquez a súa inquedanza polo aumento de casos e pola conflitividade e os problemas de convivencia detectados nas zonas máis afectadas por este fenómeno
  • Ambas partes coinciden en que a futura Lei de vivenda estatal non contribuirá a mellorar a situación, advertindo de que coa súa redacción actual admítese a ocupación como unha forma de acceso ao parque público residencial
     

 

A Xunta suma o apoio das asociacións e entidades veciñais de Galicia á súa demanda ao Goberno central para que impulse unha reforma lexislativa que ofreza solucións duradeiras e eficaces ante os casos de ocupación ilegal de vivendas que, ademais, xeran unha sensación de impunidade entre os afectados e as persoas que conviven de preto co problema.

 

A conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta semana con representantes da Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (CoGaVe), encabezados polo seu presidente, Fernando Rois, para falar sobre a ocupación ilegal de vivendas na Comunidade e coñecer de primeira man as súas impresións sobre a evolución deste fenómeno, que nos últimos dous anos xa motivou varias reunións entre a responsable autonómica e os colectivos veciñais.

 

Neste sentido, a conselleira trasladoulles que nos últimos meses a Xunta volveu insistir ante o Goberno central na urxencia de impulsar as reformas lexislativas necesarias para equiparar España a países como Holanda, Alemaña ou Francia, onde o marco normativo vixente garante recuperar con rapidez unha vivenda ocupada, unha reivindicación compartida polos representantes dos colectivos veciñais.

 

A tal fin, explicoulles que os puntos clave da demanda da Xunta son outorgar ás comunidades de veciños o dereito a actuar perante a xustiza para esixir o cese das molestias e mesmo a desocupación dun inmoble; arbitrar mecanismos xurídicos que permitan garantir o desaloxo cautelar do inmoble nas primeiras horas; endurecer as penas tanto para disuadir aos okupas como para acabar coa sensación de impotencia dos afectados; e lograr un marco normativo que poña freo a esta situación.

 

Pola súa parte, os responsables de CoGaVe —que aglutina a máis de 800 agrupacións de veciños de diferentes puntos de Galicia— trasladáronlle á conselleira a súa inquedanza polo “aumento de casos” de ocupacións que perciben, así como pola conflitividade social e os problemas de convivencia detectados nas zonas da Comunidade máis afectadas.

 

Conselleira e representantes veciñais coincidiron tamén en que a futura Lei de vivenda estatal, en tramitación parlamentaria, non contribuirá a mellorar a situación, advertindo de que coa súa redacción actual admítese a ocupación ilegal de vivendas como unha forma de acceso ao parque público residencial, mesmo de forma preferente ao resto de unidades familiares debidamente inscritas no rexistro de demandantes. De feito, a Xunta presentou alegacións ao respecto.

 

Por último, os responsables de CoGaVe trasladáronlle á conselleira a posibilidade de colaborar no futuro co fin de garantir un servizo de acompañamento pensado para que aquelas persoas de maior idade, que se vexan afectadas pola ocupación ilegal da súa vivenda, poidan contar co apoio dos colectivos veciñais á hora de dirixirse ás forzas e corpos de seguridade e mesmo ao xulgado para tratar de resolver o seu problema.

 

Fonte.- Xunta de Galicia