O prezo da vivenda en Vigo crece un 7% no último ano, alcanzando os 1.842 euros o metro cadrado de media | Observatorio de Vivenda

O prezo da vivenda en Vigo crece un 7% no último ano, alcanzando os 1.842 euros o metro cadrado de media

O prezo da vivenda en Vigo crece un 7% no último ano, alcanzando os 1.842 euros o metro cadrado de media

O prezo da vivenda en Vigo continúa á alza, acorde aos datos do primeiro trimestre do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, que reflicten que o metro cadrado na cidade acumula neste 2024 un crecemento do 7,2%, alcanzando os 1.842 euros o metro cadrado. Esta cifra queda lonxe dos 2.424 euros o metro cadrado que rexistrou o ministerio no primeiro trimestre de 2008, ano do estalido da burbulla inmobiliaria, e que foi o máximo que alcanzaron os prezos en Vigo. Foi entón cando se iniciou unha senda de descenso, que chegou ao punto máis baixo no ano 2016, cando se chegou aos 1.292 euros o metro cadrado, en plena crise económica.

En Galicia o prezo medio no primeiro trimestre de 2024 é de 1.338 euros o metro cadrado, un 4% máis que o ano pasado. Entre as sete grandes cidades galegas, a que ten a vivenda máis cara é A Coruña, onde o prezo medio xa supera o dous mil euros, en concreto 2.077. A máis barata está en Ferrol, con 860 euros o metro cadrado. Onde máis creceu o prezo neste período foi Pontevedra, cunha alza do 15,5% no primeiro trimestre de 2024 con respecto ao mesmo trimestre do ano pasado. A cidade galega que menos creceu é Ourense, onde, de feito, retrocedeu un 0,4%. Na área viguesa, Cangas alcanza un prezo medio de 1.489 euros o metro cadrado, un 9,3% máis nun ano, segundo os datos do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana; mentres Redondela alcanza os 1.105 euros o metro cadrado, cun descenso dun 1,5% nun ano.

En canto á compravenda de vivenda, esta recupérase no primeiro trimestre, segundo os datos do ministerio, sumando 559 transferencias rexistradas, unha cifra que é un 4% superior ao mesmo período do ano pasado. O valor medio desas compravendas en toda a provincia de Pontevedra é de 163.740 euros no primeiro trimestre. O ano pasado, 2023, a cidade pechou o exercicio con 2.367 compravendas, rexistrando un descenso do 6%.

Fonte.- Atlántico