A Xunta licita as obras de urbanización do polígono 2 de San Paio de Navia cun investimento de máis de 16 millóns | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita as obras de urbanización do polígono 2 de San Paio de Navia cun investimento de máis de 16 millóns

A Xunta licita as obras de urbanización do polígono 2 de San Paio de Navia cun investimento de máis de 16 millóns

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, anunciou este xoves que a Consellería de Vivenda e Promoción de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), autorizou a contratación da obra de urbanización do polígono 2 (Fases A e B) do plan parcial de Navia cun investimento de 16.368.975,04 euros.

A delegada explicou que o Consello da Xunta do pasado 1 de xullo autorizou a licitación da obra de urbanización do polígono 2 da ampliación de San Paio de Navia, que ten unha superficie total de 106.361 metros cadrados e prevese que poida acoller un total de 719 vivendas, todas protexidas. Desta forma, na Fase A, con 44.538 metros cadrados, haberá 337 vivendas, e na Fase B, con 61.823 metros cadrados, serán 382 vivendas.

A Xunta xa aprobou tamén o pasado 9 de xullo dar luz verde á contratación das obras de construción de 58 novas vivendas de promoción pública no polígono 1 de San Paio de Navia, ás que se destina un investimento autonómico de máis de 13 millóns de euros.

Con esta nova contratación, impulsouse o sétimo grupo de vivendas que a Xunta licita neste barrio vigués de Navia. Cos dous grupos que autorizou o Executivo autonómico, que totalizan 58 vivendas, resultan na primeira fase da ampliación un total de 259 vivendas de promoción pública que se construirán neste polígono. A estas vivendas se engadirán outras 100 vivendas de promoción pública que están programadas.

Cómpre lembrar tamén que a finais do ano pasado comezaron as obras de urbanización do polígono 1 de San Paio, e co obxectivo de que estas vivendas poidan ser unha realidade o antes posible, se desenvolverán de forma paralela aos traballos construtivos dos edificios residenciais.

A Xunta continua traballando no obxectivo de reforzar o parque residencial da cidade de Vigo, habilitando solo no polígono 1 de San Paio de Navia, que permitirá a construción dun total de 733 vivendas.

Fonte.- Xunta de Galicia