A Xunta ten en marcha investimentos que suman 105 M€ para urbanizar e construír as primeiras 359 vivendas de promoción pública na ampliación de Navia | Observatorio de Vivenda

A Xunta ten en marcha investimentos que suman 105 M€ para urbanizar e construír as primeiras 359 vivendas de promoción pública na ampliación de Navia

A Xunta ten en marcha investimentos que suman 105 M€ para urbanizar e construír as primeiras 359 vivendas de promoción pública na ampliación de Navia

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, realizou neste venres xunto ao secretario xeral de Vivenda, Heriberto García Porto e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, unha visita a San Paio de Navia para dar conta das actuacións que se están a executar e adiantar os próximos pasos que a Xunta vai acometer neste barrio. Segundo subliñou, están en marcha neste intre investimentos que suman 105M€ para urbanizar e construír as primeiras 359 vivendas de promoción pública que levará a ampliación de Navia.

A construción desas 359 vivendas de promoción pública que están planificadas no Polígono 1 suporá un investimento dun total de 72M€. Delas, máis da metade, en concreto 201, están en proceso de contratación ou de adxudicación, incluíndo as 48 cuxa licitación está previsto que saia este mesmo venres, e nos vindeiros días o Consello da Xunta dará luz verde á contratación de 58 vivendas. As restantes 100 están xa programadas e en breve iniciaranse os trámites para a licitación da redacción dos proxectos.

Ademais, están en marcha as urbanizacións dos polígonos 1 e 2. No caso da primeira destas actuacións, cun orzamento de 13,1M€, as obras foron hoxe visitadas pola conselleira e o seu remate está previsto para a primavera do 2025, mentres que a urbanización do Polígono 2 sairá a licitación nos vindeiros días por 16,3M€.

Por outra banda, Martínez Allegue indicou que neste mes de xullo autorizarase tamén a contratación das obras de reparación das rúas sen entregar ao Concello correspondentes á primeira fase de Navia, por 4,3M€.

Todos estes investimentos fan de Navia, segundo apuntou, “un emblema das políticas de vivenda da Xunta e do cumprimento do compromiso do Goberno galego para mellorar as condicións de acceso á cidadanía a este ben”. A conselleira estimou en máis de 300M€ o investimento total que levará San Paio de Navia, incluíndo a construción das 1.600 vivendas previstas, as urbanizacións e a adquisición de solo, cifra á que haberá que sumar o investimento nas parcelas comerciais e de equipamento. Neste senso, recordou que nunha desas parcelas de equipamento está prevista a construción dun instituto por parte da Xunta.

Lembrou así mesmo que na Estratexia de Vivenda á que acaba de dar luz verde a Xunta prevense outras 7.360 vivendas a maiores das de Navia na área urbana de Vigo. “Para desenvolver esta estratexia é fundamental a colaboración dos concellos e o traballo conxunto”, subliñou, tras destacar a cooperación do Concello de Vigo, “imprescindible para axilizar a construción de vivenda pública”.

Neste senso apuntou que a Xunta xa está a ultimar a creación do grupo de traballo acordado na recente reunión entre o presidente Alfonso Rueda e o alcalde Abel Caballero, para avaliar e coordinar as políticas de vivenda no municipio.

A ampliación de San Paio de Navia distribúese nos tres polígonos de actuación e sumará un total de 1.600 vivendas protexidas. No polígono 1, cuxa urbanización está en execución, están previstas 359 vivendas de promoción pública e as restantes 374 serán de protección autonómica.

Por outra banda, no Polígono 2, cuxas obras de urbanización xa foron autorizadas polo Consello da Xunta e se licitarán nos vindeiros días por 16,3M€, prevense 719 vivendas, das que boa parte serán de promoción pública. O inicio das obras está previsto para o primeiro trimestre de 2025. E no Polígono 3, construiranse 147 vivendas. O proxecto xa foi presentado ao Concello de Vigo e está en tramitación para a súa aprobación.

Fonte.- Xunta de Galicia