Baleares, Tenerife e Barcelona, as provincias con maior presión no mercado do alugueiro, segundo Alquiler Seguro e a URJC | Observatorio de Vivenda

Baleares, Tenerife e Barcelona, as provincias con maior presión no mercado do alugueiro, segundo Alquiler Seguro e a URJC

Baleares, Tenerife e Barcelona, as provincias con maior presión no mercado do alugueiro, segundo Alquiler Seguro e a URJC

O "Barómetro do alugueiro" elaborado por Alquiler Seguro e a Universidade Rey Juan Carlos, recolle a presión media ponderada do alugueiro en España, que mide a relación entre a demanda de arrendar unha vivenda sobre a oferta de inmobles dispoñibles. O análise elaborouse tomando datos dos últimos cinco anos, e establece un ranking en cinco segmentos, diferenciando as zonas de presión normal (1-15), en risco (15-30), elevada (30-45), alta (45-60) e moi alta (60-75 ou máis). No primeiro trimestre de 2024 situouse en 50, o que indica que cada oferta de vivenda en alugueiro recibiu nun prazo de 10 días, unha media de 50 contactos para ser ocupada. 25 das 50 provincias e 2 cidades autónomas atópanse nun rango de presión normal, o que amosa que en gran parte de España a relación entre a oferta e a demanda está equilibrada, segundo o resultado deste barómetro.

O estudo asegura que as provincias con maior desaxuste entre a oferta e a demanda no mercado do alugueiro son Baleares (142), Santa Cruz de Tenerife (104) e Barcelona (101), que superan con creces o rango de presión moi alta. Algunhas provincias que se atopan no rango de presión alta son Valencia (63), Madrid (63), Vizcaya (61), As Palmas (51), e Guipúscoa (50). Pola súa banda, cabe destacar provincias como Palencia ou Badaxoz, onde a presión é de 8 contactos ao longo de 10 días, a cifra máis pequena da clasificación. Tras estas dúas provincias, o top 10 con menor presión complétano Ourense, Teruel, Castellón, Soria, Huesca e Lugo (todas elas con 9 contactos en 10 días), Cáceres e Burgos (10). 

Doutra banda, o estudo amosa que existe unha tendencia xeneralizada cara a unha maior presión, que se explica sobre todo pola redución da oferta dispoñible e a incertidume á que fan fronte os propietarios. Por exemplo, a presión en Málaga era de 18 en 2019, pero ao peche de 2023 situouse en 67, aínda que se moderou ata 31 no primeiro trimestre do ano. Outras zonas como Santa Cruz de Tenerife ou Valencia tamén experimentaron subidas moi acusadas. No caso da provincia canaria, pasou dunha presión elevada de 35 en 2019 á cifra moi alta de 104 no primeiro trimestre de 2024. En canto a Valencia, fai cinco anos estaba en 11, é dicir, presión normal, e no primeiro trimestre do ano alcanzou o 63, unha presión moi alta.

Fonte.- Idealista