A compravenda de vivendas descendeu un 19,3% no mes de marzo | Observatorio de Vivenda

A compravenda de vivendas descendeu un 19,3% no mes de marzo

A compravenda de vivendas descendeu un 19,3% no mes de marzo

Tras un aumento en febreiro que supuxo o primeiro crecemento tras doce meses consecutivos de descensos interanuais, en marzo a compravenda de vivendas volve descender. En total realizáronse 44.878 operacións de transacción de vivenda, o que supón unha caída do 19,3% interanual, e a peor cifra do ano 2024, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística. Os expertos no sector inmobiliario sinalan a comparación co ano anterior, a falta de stock de vivenda ou o impacto da Semana Santa como motivos que poden explicar esta situación. 

María Matos, directora de Estudos de Fotocasa, sinala que a caída é pronunciada "debido a que marzo do 2023 significou o terceiro mellor mes do 2023, con máis de 55.000 operacións, cando o endurecemento hipotecario causou un efecto contrario e avivou a demanda de compra". O Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Axentes da Propiedade Inmobiliaria de España cre que os datos de marzo serán os peores de 2024, e nos próximos meses a tendencia volverá a aumentar.  

O mercado de segunda man continúa sendo o motor do sector, con 35.961 transaccións de vivendas, o que supón o 80% do total. A pesar disto, sofre tamén un descenso con respecto ao ano anterior, do 20,5%. A vivenda nova descendeu un 14%, alcanzando as 8.917 propiedades.  As comunidades onde aumentaron de forma interanual as compravendas foron Navarra (38%, ata as 706 vivendas) e Cantabria (3,5% ata as 687 vivendas). Os maiores descensos déronse en Baleares (-39% e 866 vivendas), Castela e León (-30%, 1.788 vivendas) e Estremadura (-29%, 699 vivendas). Nos principais mercados as caídas foron tamén de dobre díxito, con Cataluña (-22,5%, 6.802), Andalucía (-22%, 8.805), a Comunidade Valenciana (-18,4%, 7.423) ou Madrid (-11%, 5.944). 

Fonte.- La Vanguardia