A compravenda de vivendas en Pontevedra descende un 30% debido ao aumento dos prezos | Observatorio de Vivenda

A compravenda de vivendas en Pontevedra descende un 30% debido ao aumento dos prezos

A compravenda de vivendas en Pontevedra descende un 30% debido ao aumento dos prezos

A cidade de Pontevedra pechou 2023 cunha caída do 30% na compravenda de vivendas, segundo o que se desprende dos datos publicados polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible actualizados ao último trimestre de 2023. Estes datos afirman que en 2023 vendéronse 578 casas, 250 menos que en 2022, das cales tan só 50 (menos do 10%) eran de nova construción. 

O mercado de nova promoción, tras os últimos anos nos que representaba entre un 5 e un 7% do total (2018 e anteriores), experimentara unha lixeira melloría, chegando a alcanzar o 16% en 2021. Sen embargo, en 2022 volveu caer, ata o 11%, e en 2023 descendeu aínda máis, ata estar por debaixo do 9% actual. A cifra de vivendas protexidas é aínda más residual, posto que se venderon ao longo de 2023 quince en total en toda a comarca: dez en Pontevedra, dous en Moraña, unha en Caldas, unha en Marín e unha en Poio. Representan apenas un 1% de todas as compravendas que levaron a cabo o ano pasado.

Tras Pontevedra, o concello no que máis transaccións se levaron a cabo foi Sanxenxo, con 337 operacións de compravenda, pero cunha caída do 12% con respecto a 2022, e tan só 21 propiedades de nova construción. Superando o centenar de compravendas estiveron Marín, con 137, e Poio, con 136. No primeiro caso, a caída con respecto a 2022 foi dun 7%, mentres que no segundo caso foi dun 26%. Dos 14 concellos da comarca de Pontevedra, en cinco deles aumentaron as compravendas de vivendas con respecto a 2022, aínda que foron subidas moi lixeiras. É o caso de Caldas, con 55 compravendas, 8 máis que o ano anterior; Cerdedo-Cotobade, con 45, tres máis; Cuntis, con 18, seis máis; Vilaboa, con 13, unha máis, e A Lama, con 27, 14 máis, o que supón un crecemento do 108%.

Fonte.- Faro de Vigo