En 2023 a oferta de vivenda compartida baixou un 16% e o seu prezo subiu un 14% en Galicia | Observatorio de Vivenda

En 2023 a oferta de vivenda compartida baixou un 16% e o seu prezo subiu un 14% en Galicia

En 2023 a oferta de vivenda compartida baixou un 16% e o seu prezo subiu un 14% en Galicia

A opción da vivenda compartida gaña enteiros debido á escaseza de oferta no mercado de alugueiro tradicional. Tomando como referencia os prezos do mercado de alugueiro de principios de ano, os alugueiros subiron un 14% con respecto ao ano anterior, mentres que coa oferta ocorría o contrario, un descenso do 16% neste periodo. Segundo as estimacións da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), a demanda de habitacións en alugueiro crecería en 2024 un 15%, e os prezos crecerían entre o 8% e o 10%.

En canto ás cidades, en Vigo o prezo medio da habitación está en torno a 400 euros. A pesar do alto coste, a demanda continua a subir pola escaseza de oferta no mercado de alugueiro do circuito tradicional, a pesar de que igualmente a oferta non pode cubrir toda a demanda. Hoxe en día pódense atopar unhas 200 habitacións dispoñibles, unhas 25 menos que fai uns meses. No caso de A Coruña, o prezo medio da habitación sitúase en torno a 350€, 50 euros máis que fai un ano, pero cunha oferta aínda máis escasa que en Vigo, cunhas 160 habitacións dispoñibles, fronte as 200 a comezos do ano 2023. Nas outras cidades, en Ourense, Pontevedra e Santiago os prezos sitúanse sobre os 320€, mentres que en Lugo e Ferrol están en torno aos 200€. 

O aumento na demanda no alugueiro compartido corresponde a persoas de entre 18 e 40 anos que non son capaces de facer fronte ás rendas actuais cos seus ingresos, en contraposición aos estudantes que eran o cliente habitual neste tipo de alugueiro. Outro punto a favor é que os prezos inclúen outros factores como o disfrute das zonas comúns e case sempre o consumo de luz, gas e auga, pero no caso de que non sexa así, os gastos compártense entre varios, polo que o coste non resulta tan prohibitivo. 

Fonte.- La Voz de Galicia