En 2023 os galegos destinaron o 33% do seu salario mensual no pago do alugueiro, segundo Fotocasa | Observatorio de Vivenda

En 2023 os galegos destinaron o 33% do seu salario mensual no pago do alugueiro, segundo Fotocasa

En 2023 os galegos destinaron o 33% do seu salario mensual no pago do alugueiro, segundo Fotocasa

Segundo un estudo do portal inmobiliario Fotocasa, baseado nos datos dos salarios medios das ofertas de emprego de Infojobs, os galegos dedicaron en promedio un 33% do seu salario bruto ao pago de alugueiro, un aumento con respecto a 2022, no que dedicaron un 32%. Para realizar estes cálculos, considérase o valor dunha vivenda de 80 metros cadrados. Desta forma, o salario bruto medio de Galicia ao mes corresponde a 2.089 €, o que corresponde á porcentaxe máis elevada nos últimos cinco anos. 

A nivel estatal, os españois dedicaron unha media do 43% do seu salario ao pago do alugueiro en 2023, fronte ao 41% do ano inmediatamente anterior, sempre en relación a unha vivenda de 80 metros cadrados, que é o que considera o estudo. Esta cifra supera o recomendado polos organismos de control europeo, que establece que non é recomendable superar o 30% dos ingresos ao pago da vivenda. A directora de comunicación e estudos de Infojobs destacou o repunte da inflación nos últimos dous exercicios, sobre todo, afectando ao poder adquisitivo, que marca as condicións de vida das persoas traballadoras. Por rexións, ata en 13 comunidades incrementouse o gasto destinado ao alugueiro, mentres que tan só en dúas descendeu. 

O ranking de comunidades autónomas nas que máis parte do salario se destina ao gasto mensual da vivenda queda da seguinte forma: Baleares (63%), Madrid (62%), Cataluña (58%), País Vasco (54%), Canarias (51%), Comunidade Valenciana (44%), Cantabria (42%), Navarra (40%), Andalucía (36%), Aragón (35%), Castela e León (34%), Galicia (33%), Asturias (32%), A Rioxa (30%), Murcia (30%), Castela-A Mancha (25%) e Estremadura (23%). 

En canto ás provincias en concreto, destacan Barcelona (65%), Baleares (63%), Madrid (62%), Guipúscoa (60%) e As Palmas de Gran Canaria (53%), mentres que as provincias que menos parte do salario destinan son Cidade Real (19%), Xaén (21%), Cáceres (21%), Ourense (23%), Albacete (23%) e Badaxoz (23%). 

Fonte.- El Español