Galicia é a comunidade con menor peso dos estranxeiros na adquisición de vivenda, con tan só o 1,8% | Observatorio de Vivenda

Galicia é a comunidade con menor peso dos estranxeiros na adquisición de vivenda, con tan só o 1,8%

Galicia é a comunidade con menor peso dos estranxeiros na adquisición de vivenda, con tan só o 1,8%

Segundo os rexistradores da propiedade, a demanda estranxeira rexistrou un "excelente comportamento" en 2023, rozando o 15% do negocio, algo máis que no exercicio anterior (13,7%), e alcanzando o máximo da serie histórica. En números totais, sen tomar en consideración a nacionalidade, as compravendas retrocederon preto do 10%, a causa do endurecemento das condicións de financiamento dende o sector bancario. En Galicia, de feito, as compras de vivendas por parte de cidadáns doutras nacionalidades romperon a tendencia xeral do mercado e aumentaron preto de 350, marcando un máximo histórico, un 39% máis que en 2022.

En comparación aos datos anteriores á pandemia, as operacións multiplicáronse na comunidade por 3,3. En 2018 supuxeron só o 0,6% de todas as transaccións de inmobles. En 2023 alcanzaron o 1,8%. Unha porcentaxe aínda moi discreta, a pesar do gran avance, en comparación co resto do país. En concreto, Galicia é a comunidade na que as compras dos estranxeiros teñen menor peso. 

Baleares está na cabeza cunha cota superior ao 31%, mentres que os estranxeiros asinaron o 29,3% das compras en Comunidade Valenciana; o 28,5% en Canarias; o 23,8% en Murcia; o 15,8% en Cataluña; e o 15% en Andalucía. Xunto a Galicia, nos postos de cola figuran Extremadura (1,8%), Castela e León (3%), País Vasco (3,7%) e Cantabria (3,9%). As maiores porcentaxes e incrementos máis intensos sitúanse principalmente nas zonas costeiras de alta intensidade turística. 

Reino Unido, Alemania e Francia despuntan como principais nacionalidades no mercado inmobiliario español con porcentaxes do 9,5%, 7,3% e 6,7%, respectivamente, no global de operacións de foráneos. A continuación colócanse Marrocos (5,4%), Bélxica (5,3%), Italia (5,2%), Romanía (5%), Países Baixos (4,8%), Polonia (3,6%) e Rusia (3,1%).

Poñendo o foco en Galicia, Portugal ocupa o primeiro posto e cunha cota moi relevante do 13,1% sobre o conxunto das compras. Cidadáns romaneses fixéronse co 5,9%; os franceses co 5%; alemáns co 4,5%; o mesmo volume que os italianos e os venezolanos. Completan a nómina os procedentes de Marrocos (2,7%), Reino Unido (2,7%), Estados Unidos (2,7%) e China (2,7%). Entre as provincias galegas destaca Lugo (2,5% de foráneos no total de transaccións), seguida de Pontevedra (2,1%) e A Coruña (1,5%) e Ourense (1,5%), ambas as situadas nas dúas últimas posicións da clasificación por detrás de Córdoba (1,6%), Salamanca (1,6%) e Badaxoz (1,7%). 

Fonte.- Faro de Vigo