A maior porcentaxe das vivendas en alugueiro en Santiago atópanse no rango de prezos 750-900€ | Observatorio de Vivenda

A maior porcentaxe das vivendas en alugueiro en Santiago atópanse no rango de prezos 750-900€

A maior porcentaxe das vivendas en alugueiro en Santiago atópanse no rango de prezos 750-900€

Tras o repunte acontecido a finais do ano pasado, o stock de vivenda en alugueiro volveu caer. A oferta actual en Santiago sitúase en 150 inmobles, polos 252 que había en outubro de 2023, mentres que as vivendas de uso turístico na cidade alcanzan xa as 800. O último informe publicado pola Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin) evidencia que a mala situación da oferta de alugueiro agrávase: cada vez hai menos oferta dispoñible, e a que hai é máis cara que nunca. Desta forma, as vivendas que están por debaixo dos 600 € ao mes practicamente desapareceron nos últimos dous anos. 

Actualmente, a maioría das vivendas en alugueiro atópanse no rango de prezos 750-900 €, alcanzando o 38% da oferta total. En abril de 2022 o 40% do total de vivendas en alugueiro estaban por debaixo dos 600 euros, mentres que agora mesmo corresponden tan só ao 8,7% (13 de 148). O 20% está no rango de prezos 600-750 €, cando fai dous anos era case o 30%. Doutra banda, as vivendas entre os 750 e os 900 euros triplicáronse, pasando do 12% en abril de 2022 ao 38%. Por último, duplicáronse aquelas onde a renda supón un custo entre os 900 e os 1.200 euros, e os pisos máis caros supoñen xa practicamente o 30% do total (40 opcións de alugueiro que superan os 1.200 €).

Na área metropolitana de Santiago a situación é similar. En febreiro de 2023 eran 35 vivendas dispoñibles para unha poboación dunhas 60.000 persoas, das que tan só o 31% tiñan un prezo inferior aos 500 euros ao mes. Sen embargo, actualmente esta cifra non alcanza o 20%. Na zona de Ames tan só están dispoñibles 13 vivendas, e só 3 están por debaixo dos 500 euros, mentres que, por exemplo, en Oroso, non hai ningunha por debaixo deste prezo (das tan só 2 en oferta). 

Fonte.- La Voz de Galicia