Medio Ambiente e Mondoñedo asinan un acordo para a rehabilitación do inmoble situado no nº9 da avenida das San Lucas | Observatorio de Vivenda

Medio Ambiente e Mondoñedo asinan un acordo para a rehabilitación do inmoble situado no nº9 da avenida das San Lucas

Medio Ambiente e Mondoñedo asinan un acordo para a rehabilitación do inmoble situado no nº9 da avenida das San Lucas

- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa de Mondoñedo asinaron esta mañá o convenio de colaboración, no que se establece que o Instituto Galego de Vivenda e Solo adiantará os 450.000 necesarios para a adquisición e rehabilitación deste edificio

- O Goberno galego puxo en marcha unha liña de axudas para o financiamento de actuacións de conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para levar a cabo a rehabilitación do inmoble situado no número 9 da Avenida das San Lucas.

Trátase dunha actuación que se leva a cabo dentro da posibilidade dos concellos de menos de 50.000 habitantes, aos que se lles facilita o acceso ao fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente adianta un orzamento de 450.000 euros para adquirir e rehabilitar este inmoble que, tras a súa rehabilitación, se destinará a fins de asistencia social. Este préstamo sen xuros concedido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo axuda aos concellos a realizar obras de rehabilitación de edificacións, co compromiso das administración locais de devolver as cantidades percibidas. A Xunta de Galicia estableceu unha contía de 6,4 millóns de euros na convocatoria de 2019, para financiar, a través de préstamos sen xuros, actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas, así como a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

Cómpre recorda que o obxectivo principal do programa deseñado polo IGVS, o Fondo de cooperación, é facilitar que os concellos acometan actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído, co obxecto de recuperar ámbitos en estado deficiente de conservación, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio en aras de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que podan dispoñer dunha vivenda digna e axeitada.

Neste sentido, o Fondo contribuirá a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios das vivendas desatendan as súas obrigas. Nestes caso a normativa vixente permite aos concellos actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas, pero moitos concellos non exercen o seu dereito por non dispoñer do financiamento necesario, ao que agora poderán acceder, con xuro cero, a través deste Fondo de cooperación.

Fonte.- Xunta de Galicia