Nos últimos nove meses creceu a demanda de vivendas de protección oficial en Santiago un 17% | Observatorio de Vivenda

Nos últimos nove meses creceu a demanda de vivendas de protección oficial en Santiago un 17%

Nos últimos nove meses creceu a demanda de vivendas de protección oficial en Santiago un 17%

Segundo os datos ofrecidos polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), un total de 968 persoas están actualmente en lista de espera para poder acceder a algún dos modelos de vivenda protexida que ofrecen as administracións públicas. No mes de abril de 2023, os demandantes eran 826, é dicir, 142 menos que en xaneiro de 2024, polo que a demanda de vivendas protexidas aumentou un 17 % en Santiago en tan só nove meses. 

A maioría das peticións (596) están dirixidas á vivenda de protección oficial de promoción pública, e principalmente destinadas ao alugueiro. Son 359 as persoas que solicitaron acceder a un alugueiro protexido, mentres que 88 están interesadas en comprar e 149 nun alugueiro con opción de compra. En canto á vivenda de promoción pública de núcleos rurais e centros históricos, hai inscritos tan só 49 demandantes, dos que 12 están interesados en vivendas en alugueiro, 29 en comprar e 8 en alugueiro con opción de compra. 

Con respecto á vivenda de promoción privada de réxime xeral, a cifra elévase a 253 solicitantes, dos que 166 están interesados en acceder a un alugueiro, 74 en comprar e só 13 quedan coa opción do alugueiro con opción de compra. Outros dos produtos dispoñibles é a vivenda de promoción privada de réxime especial, que suma 37 solicitudes, onde 11 son de alugueiro, 21 de compra e 5 de alugueiro con opción de compra, e a vivenda de promoción privada de réxime concertado, que conta con 33 demandantes, dos cales 9 son de alugueiro, 23 de compra e tan so 1 de arrendamento coa posibilidade de adquisición nun futuro.

Dende a Xunta sinalan que “a inmensa maioría das vivendas adxudícanse en réxime de alugueiro porque na adxudicación teñen preferencia os ingresos máis baixos e, nestes casos, é obrigatorio o alugueiro”. Ademais, o IGVS lembra que puxo en marcha dúas promocións en Lamas de Abade e O Castiñeiriño, “das que 24 pisos xa están en construción e 36 están na fase de licitación, sesenta en total.

Fonte.- El Correo Gallego