O Banco de España alerta dun sobrepagamento do 35% nos fogares en alugueiro | Observatorio de Vivenda

O Banco de España alerta dun sobrepagamento do 35% nos fogares en alugueiro

O Banco de España alerta dun sobrepagamento do 35% nos fogares en alugueiro

O último informe do Banco de España referido a 2023, realiza unha análise sobre a situación da vivenda no país e as dificultades de acceso. Entre as principais conclusións indícase que, segundo os datos dispoñibles, o problema do gasto excesivo nos fogares que viven de alugueiro agravouse nos últimos anos, concentrándose con maior intensidade en determinados tipos de áreas xeográficas e fogares con menor nivel de renda e escasa capacidade de aforro, destacando a xente nova e a poboación de orixe estranxeiro. 

Un destes indicadores é o que mide o "sobreesforzo" económico destinado ao alugueiro da vivenda, que sucede cando os inquilinos teñen que destinar máis do 40% dos seus ingresos ao arrendamento. Nesta situación atópanse o 35,2% das familias que viven de alugueiro en Galicia, cando o recomendable é que non se supere o 30% das rendas do fogar. Desta forma, Galicia atópase entre as comunidades mellor situadas, posto que as únicas que destinan unha menor porcentaxe da renda ao alugueiro son A Rioxa (29,4%), Aragón (32%) e Castela-A Mancha (34,4%). 

As comunidades con maior sobreesforzo no alugueiro, principalmente nos seus centros urbanos, son Madrid, Baleares, Andalucía e Cataluña. Nestas comunidades máis da metade dos fogares teñen que dedicar o 40% dos seus ingresos totais a pagar o arrendamento. Na periferia das áreas urbanas a situación mellora, aproximándose ao 35% dos fogares (o 30,7% en Galicia). Pola súa banda, a mellor situación rexístrase fóra das áreas urbanas, onde a porcentaxe baixa ao 30% en España, mentres que en Galicia baixa ata o 22,6%, tan só por detrás de Aragón (21,2%) e Murcia (20,8%). 

Fonte.- Faro de Vigo