O Banco de España aprecia unha maior resistencia do prezo da vivenda respecto doutras crises | Observatorio de Vivenda

O Banco de España aprecia unha maior resistencia do prezo da vivenda respecto doutras crises

O Banco de España aprecia unha maior resistencia do prezo da vivenda respecto doutras crises

O balance do Banco de España sobre como a pandemia impactou no mercado de vivenda sinala, polo lado positivo, principalmente dúas cuestións: os prezos non se derrubaron como sucedeu na Gran Recesión, e os intereses que pagan os compradores polas súas hipotecas continuaron o seu descenso ata alcanzar mínimos históricos grazas aos estímulos do Banco Central Europeo. No lado negativo destacan algunhas secuelas: o mercado recupérase lentamente e segue condicionado pola evolución dos contagios, e aprécianse algúns indicios de endurecemento nos criterios de concesión e nalgunhas condicións aplicadas aos préstamos.

O Banco de España justifica a actual resistencia dos prezos con varios argumentos: o sector non estaba ao comezo da pandemia tan sobredimensionado como en 2008, había menos endebedamento, os criterios de concesión de crédito foron máis rigorosos que naqueles anos, e as autoridades nacionais e europeas sostiveron a renda das familias con medidas máis ambiciosas para salvar o emprego e o tecido produtivo.

A pesar deses esforzos, a desaceleración dos prezos foi xeneralizada, pero non homoxénea, xa que as illas e a costa mediterránea sufrírona con maior intensidade polo seu maior atractivo turístico e as restricións á mobilidade internacional.

As operacións en España caeron case un 18% en 2020, o seu maior esborralle desde 2011.

Fonte | El País