O consello da Xunta aproba a convocatoria de axudas para a adquisición de vivendas protexidas e autoriza os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica | Observatorio de Vivenda

O consello da Xunta aproba a convocatoria de axudas para a adquisición de vivendas protexidas e autoriza os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica

O consello da Xunta aproba a convocatoria de axudas para a adquisición de vivendas protexidas e autoriza os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica

A Xunta convoca as axudas para a adquisición de vivendas protexidas con subvencións de ata 20.000 euros por inmoble.

O Consello da Xunta deu conta esta mañá da resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivendas protexidas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, dotada con 450.000 euros, que será publicada mañá no Diario Oficial de Galicia; deste xeito abrirase o período de solicitudes con prazo ata o 30 de setembro.

Esta medida é unha das novas liñas de incentivos que se fixaron no Pacto social pola vivenda, impulsado polo Goberno galego.

Grazas a estas subvencións, as persoas que adquiran unha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedentes da rehabilitación poderán acceder a unha axuda do 20 % do custo cun máximo de 20.000 euros, que son os que poderá recibir un menor de 35 anos que compre un inmoble nunha cidade. Para o resto de solicitantes, esta subvención oscilará entre os 12.000 e 16.000 euros, segundo a área xeográfica en que se atope o concello.

En relación cos requisitos para os posibles beneficiarios, debe ser adquirinte ou adxudicatario, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica ou ter subscrito —con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021— un contrato privado de compravenda, visado polo IGVS ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

Prezos máximos de venda

Así mesmo, o Consello da Xunta autorizou o acordo polo que se fixan os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira e posteriores transmisións.

Na actualidade os prezos que rexen son os establecidos hai 12 anos, o que provoca que non sexa viable a súa construción. Así, decidiuse actualizar estes módulos co obxecto de impulsar a súa edificación e reflectir a suba de prezos das materias primas e os novos requisitos introducidos no Código técnico da edificación. Os axustes están avalados polo Observatorio Galego da Vivenda.

En todo caso, os prezos do alugueiro de vivendas protexidas permanecen estables e tampouco se aplican ás protexidas de promoción pública, que son as destinadas aos colectivos con maiores dificultades de acceso, e nas cales a viabilidade da súa construción queda garantida dado que actualmente son as promovidas polo IGVS.

Cómpre lembrar que a Xunta tamén ten habilitadas outras liñas de axudas para fomentar a compra, cuxo prazo aínda permanece aberto ata o 1 de setembro. Trátase das de adquisición de vivenda en centros históricos, que prevén este ano un investimento de 600.000 €, e das de compra en concellos de menos de 5.000 habitantes por persoas menores de 35 anos, cun orzamento de 800.000 €.

 

Fonte | Xunta de Galicia