O custo das novas hipotecas en Galicia resístese a baixar a pesar do freo aos tipos de interese | Observatorio de Vivenda

O custo das novas hipotecas en Galicia resístese a baixar a pesar do freo aos tipos de interese

O custo das novas hipotecas en Galicia resístese a baixar a pesar do freo aos tipos de interese

A cotización diaria do euribor continúa por enriba do 3,5%, concretamente no 3,675%, fronte ao 3,645% da pasada semana. A media mensual sitúase no 3,659% e, de manterse así, o índice de referencia para o cálculo das hipotecas en España marcará por fin distancias co dato de fai un ano, cando marcou o 3,862%. Desta forma, os titulares de préstamos aos que lles toca revisar as condicións en maio verán a primeira rebaixa sustancial da cuota dende o arranque da tendencia á baixa en novembro. A escalada do tipo oficial ao 4,5%, o seu pico do últimos vinte anos, e o endurecemento dos requisitos das entidades para a aprobación das operacións frearon o crecemento que tanto a construción como o crédito levantaron tras a larguísima etapa de seca pola picada da burbulla do ladrillo en 2008.

O tipo de interese medio aplicado ás hipotecas asinadas durante o primeiro trimestre do ano 2024 situouse no 3,54%, segundo o balance publicado polos Rexistradores de España. No caso de Galicia, a media das hipotecas fixas situouse no 3,74% (situouse no 3,76% a finais do trimestre anterior), e do 3,01% nas variables (3,05% no trimestre previo). O tipo de interese inicial contratado roldou o 3,49% no conxunto do país (3,66% nas hipotecas fixas e 3,01% nas variables). Modérase a senda ascendente, “pero dando lugar ao sétimo trimestre consecutivo con incremento das súas contías”, sinalan os Rexistradores. O mínimo histórico do dato nacional remóntase ao segundo trimestre de 2022, o 2,15%. En Galicia foi mesmo inferior, o 1,85%.

As hipotecas a tipo fixo seguen sendo claramente maioría, debido en parte a que en todo o país recuperan cota despois de tres trimestres consecutivos de caída. Foron o 56,3% das operacións formalizadas, mentres que as de tipo variable concentraron o 43,7% (o 42,5% ligadas ao euríbor). O peso das hipotecas a tipo fixo en Galicia é, de novo, moito maior que no conxunto do país. Alcanzaron o 72% dos créditos para a compra de vivenda entre xaneiro e marzo, porcentaxe superada só por Canarias (75,4%).

Fonte.- La Opinión de A Coruña