O prezo medio do alugueiro alcanza preto do 40% do salario mínimo en España | Observatorio de Vivenda

O prezo medio do alugueiro alcanza preto do 40% do salario mínimo en España

O prezo medio do alugueiro alcanza preto do 40% do salario mínimo en España

A porcentaxe de taxa de esforzo financeiro sobre vivenda que recomendan os expertos é do 30%. Actualmente, os prezos medios que se ofrecen nos portais inmobiliarios superan este 30% en máis de 20 provincias, segundo os cálculos de El País. De feito, un arrendamento medio alcanzaría preto do 40% do Salario Mínimo Interprofesional, pero nas capitais de provincia con maior tensión, como Madrid ou Barcelona, esta porcentaxe alcanza o 70%. Os cálculos para este estudo realizáronse a partir dos datos de prezos dos portais inmobiliarios Idealista e Fotocasa, tomando como hipótese unha persoa que trate de alugar unha vivenda de 45 metros cadrados. No caso de unha vivenda con dúas persoas, considérase que suman dous salarios mínimos nunha vivenda de 80 metros cadrados. Desta segunda forma, o resultado alíviase, pero continua superando o 30% recomendado en varias cidades, mesmo achegándose ao 60%, por exemplo, en Barcelona.

En total, 18 capitais de provincia teñen actualmente prezos do alugueiro que obrigan a un inquilino de baixos ingresos a superar a taxa de esforzo recomendada do 30%. Concretando, serían Alicante, Barcelona, Bilbao, Cádiz, San Sebastián, Xirona, As Palmas de Gran Canaria, Madrid, Málaga, Palma, Pamplona, Santa Cruz de Tenerife, Santander, Segovia, Sevilla, Tarragona, Valencia e Vitoria. Outras catro capitais (A Coruña, Granada, Melilla e Zaragoza) superan a taxa recomendada no caso de fogares unipersoais, pero non no caso de alugueiro en parella. Por último, noutras tres capitais (Burgos, Oviedo e Toledo) superan a taxa recomendada pero tan só con datos dun dos dous portais. 

Entre xaneiro de 2018 e xaneiro de 2024, o prezo medio de arrendamento aumentou un 33% segundo Idealista. As grandes cidades e as provincias de costa, especialmente no arco mediterráneo, son as que teñen un mercado máis quente. Este problema é especialmente perentorio para a xente moza, posto que, segundo os datos do Observatorio da Emancipación, o 27% dos traballadores de 16 a 24 anos cobran o salario mínimo. O salario mediano desta poboación atópase en 1.005 euros, mentres que o prezo de arrendamento mediano está en torno aos 944 euros. 

Fonte.- El País