A oferta do mercado de alugueiro en Galicia cae a mínimos históricos, segundo Fegein | Observatorio de Vivenda

A oferta do mercado de alugueiro en Galicia cae a mínimos históricos, segundo Fegein

A oferta do mercado de alugueiro en Galicia cae a mínimos históricos, segundo Fegein

Na actualidade, o mercado residencial en alugueiro na comunidade alcanza as 2.250 vivendas, un 19% menos que fai tan só un mes, e case a terceira parte das aproximadamente 6.000 que se ofertaban en 2020, segundo os datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein). Trátase dun volume de oferta en alugueiro que se sitúa en mínimos históricos. En relación ao total de vivendas baleiras, tan só o 0,7% forman parte da oferta de alugueiro. 

Das provincias galegas, as que máis acusaron a caída na oferta de pisos en alugueiro foron Ourense e Lugo, con tan só 260 pisos (fronte aos 370 que se ofertaban en marzo) e 210 (con respecto aos 350 do mes pasado), respectivamente. Son descensos do 40% e do 30% en tan só un mes, mentres que en A Coruña e Pontevedra o descenso é menor, do 13,6% e do 13,5% respectivamente. Nos concellos coruñeses hai no circuíto de arrendamento 950 pisos (o 1 de marzo eran 1.100) e en Pontevedra son 830 (polos 960 en marzo). En canto ás cidades, a que ten unha maior oferta dispoñible é Vigo, con 360 pisos (420 no mes anterior), seguida por A Coruña (pasando de 350 a 280), Ourense (de 180 a 165), Santiago (de 175 a 135), Lugo (de 120 a 98), Pontevedra (de 100 a 85) e, a excepción, Ferrol, que aumenta dos 90 do mes pasado aos 100 actualmente. 

Os grandes descensos que se produciron no último mes, poden ter explicación nos futuros sanitarios que se incorporarán en maio e alugaron neste último mes, de forma masiva, estudos e vivendas dunha habitación, principalmente na cidade de Vigo. Fegein atribúe esta situación á Lei de Vivenda e á preocupación e desconfianza polo temor que sofren os propietarios a que o inquilino deixe de pagar ou ás ocupacións. Esta situación estaría provocando que os propietarios cambien a oferta de alugueiro tradicional por alugueiro vacacional de tempada, por habitacións, ou, directamente, ao mercado de comercialización en compravenda. 

Fonte.- Faro de Vigo