Os expertos no sector prevén unha contención das vendas e un lixeiro aumento de prezos | Observatorio de Vivenda

Os expertos no sector prevén unha contención das vendas e un lixeiro aumento de prezos

Os expertos no sector prevén unha contención das vendas e un lixeiro aumento de prezos

Segundo os datos do INE, a compravenda de vivendas en España aumentou en febreiro por primeira vez en 13 meses. Inscribíronse 52.796, o que correspondeu a un crecemento do 5,8% interanual, ademáis dun crecemento acumulado nos dous primeiros meses do ano nun 1,6%. Pola súa banda, segundo os últimos datos de Idealista, o prezo da vivenda usada en venda aumentou en marzo un 7% interanual, ata chegar aos 2.079 €/m2, acompañado dun descenso da oferta dispoñible nos principais mercados. Acorde a estes datos, recentemente entidades financeiras, tasadoras e as principais sociedades do sector inmobiliario publicaron as súas previsións para a vivenda en 2024, cun consenso xeral de que os prezos seguirán subindo, aínda que a un ritmo menor, sumado a unha retardación da compravenda. 

Segundo as previsións de Caixabank Research, "o sector inmobiliario irá de menos a máis e volverá á etapa expansiva en 2025". Estiman unhas 550.000 operacións neste ano, o que se traduce nun descenso preto do 7% respecto a 2023. No caso dos prezos prevén un pequeno aumento do 2,7% interanual. Son unhas previsións superiores ás orixinais, nas que se prevían 40.000 operacións menos, e un aumento dos prezos do 1,4%. BBVA Reseach, pola súa banda, afirma que as vendas poderían volver a contraerse, pero en menor intensidade, debido á persistencia dos tipos de interese. Sinalan que a situación do mercado debería garantir que as transaccións se manteñan en torno ás 600.000. Ambas entidades afirman que o crecemento darase a partir de 2025, onde as vendas crezan entre un 2% e un 3%. 

Doutra banda, o equipo de análise de Bankinter estima que a vivenda seguirá encarecéndose, e continuará así en 2024 e 2025, debido a un mercado laboral forte, á escaseza de oferta nas principais cidades, costa mediterránea e nas illas, e as rebaixas dos tipos de interese previstas. Os prezos subirían en torno a un 1,5% este ano e un 2% o próximo. O estudo realizado por Solvia sinala que o prezo da vivenda aumentaría entre un 2% e un 3% en 2024, mentres que o prezo do alugueiro o faría entre un 5% e un 7%, mantendo a tendencia similar ao último trimestre de 2023. 

Unha das poucas entidades que sinala que podería suceder unha caída nos prezos é S&P Global Ratings, que afirma que baixarían un 0,3%, para retomar a senda de crecemento en 2025 e 2026, con incrementos do 1,5% e do 2%, respectivamente. Servihabitat Trends sinala que a demanda que aprazou a súa decisión de compra a un escenario con tipos de interese máis favorecedores retomará eses plans en 2024, polo que as operacións aumentarían, superando as 665.000 transaccións. Por último, a tasadora Gloval espera un aumento no prezo da vivenda, lixeiramente inferior ao rexistrado en 2023, do 2,58%, sempre que se manteñan as condicións económicas. 

Fonte.- Idealista