Os pisos turísticos aumentaron un 41% en Galicia dende 2022 | Observatorio de Vivenda

Os pisos turísticos aumentaron un 41% en Galicia dende 2022

Os pisos turísticos aumentaron un 41% en Galicia dende 2022

O número de vivendas de uso turístico (VUT) en Galicia aumenta ano tras ano dende que se rexistra este tipo de inmobles. O INE apunta a que o incremento nestes últimos dous anos foi do 41%, entre os meses de febreiro de ambos anos, mentres que o da media nacional situose por debaixo, no 23%. En apenas dous anos, o número de vivendas turísticas aumentou ata superar as 26.000, segundo o último rexistro da Xunta de Galicia. 

A porcentaxe de crecemento de Galicia supera á media nacional en 18 puntos, mesmo superando a comunidades como Andalucía (+35%), Illas Baleares (+6%), Cataluña (+28,6%), a Comunidade Valenciana (+25%) ou a Comunidade de Madrid (+27,6%). Tan só Asturias e Cantabria, con incrementos do 53% e do 44% respectivamente no mesmo periodo superan a Galicia. As cifras do rexistro da Xunta indican que entre decembro de 2023 e marzo de 2024 rexistráronse 5.089 novos pisos turísticos, o que supón unha media de 42 novas vivendas para uso turístico cada día, e un incremento neste trimestre do 23%. 

En 2022, os pisos turísticos rexistrados superaban os 17.900 mentres que aqueles que se destinaban ao alugueiro convencional eran 3.000, segundo as cifras da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein). Polo tanto, por cada piso para alugueiro, estaban no mercado seis vivendas de uso turístico. E a porcentaxe continuou agravándose, pois a oferta para alugueiro residencial mantense ou mesmo redúcese, mentres que o número de VUT aumentou en varios miles.

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaron en Madrid, xunto aos seus homólogos doutros territorios, na Conferencia Sectorial de Vivenda sobre o impacto dos pisos turísticos. Unha cita á que a Galiza chega situada no podio das comunidades autónomas ao ter nos últimos anos un dos maiores aumentos no número destes negocios. 

Fonte.- Nos Diario