Prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións | Observatorio de Vivenda

Prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións

 Prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións

Esta resolución establece o acordo que adoptou o Consello da Xunta de Galicia polo que se fixan os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións, conforme á proposta da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Os prezos máximos de referencia para as vivendas protexidas levan máis de 12 anos sen actualizarse, o que provoca que, en moitos casos, non sexa viable a súa construción, polo que cómpre actualizar estes módulos co obxecto de impulsar a súa edificación.

Os prezos máximos de venda en primeira transmisión das VPA determinaranse, segundo o seu réxime –especial, xeral ou concertado–, en función da área xeográfica onde estean situadas –ámbito territorial de prezo máximo superior (PMS), zona 1 e zona 2– e o prezo do metro cadrado de superficie útil. Cando a promoción inclúa garaxes ou rochos, con independencia de que estean ou non vinculados á vivenda, o prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil destes, que figurará na cualificación provisional da vivenda, non poderá exceder o 60 por 100 do prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil da vivenda.

O prezo máximo de venda das vivendas e anexos situados en PMS que se constrúan en solos desenvoltos coa intervención de entes ou sociedades públicas ou en solos que fosen de titularidade pública e se alleasen para a promoción de vivendas protexidas será o fixado para a zona 1, segundo o réxime das vivendas.

Nas promocións de vivendas para uso propio, o prezo máximo de adxudicación ou o valor da edificación sumado ao do solo que figura na declaración de obra nova, no caso de promoción individual, terá os límites establecidos anteriormente e incluirá o conxunto dos pagamentos que efectúe a persoa promotora individual, a cooperativista ou comuneira que sexan imputables ao custo da vivenda por seren necesarios para levar a cabo a promoción e a individualización física e xurídica desta, incluíndo, se é o caso, os honorarios da xestión.

O prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil, en segundas e ulteriores transmisións, será o que corresponda ás vivendas do mesmo tipo que se cualifiquen provisionalmente na mesma área xeográfica no momento da transmisión.

O prezo máximo de renda das VPA será o resultante de aplicar o 4 % ao prezo máximo de venda en primeira transmisión que correspondería á vivenda protexida que se alugue, segundo a área xeográfica en que se sitúe. A dita renda máxima deberá de figurar na cualificación provisional da vivenda. A renda poderá actualizarse anualmente de conformidade co previsto na lexislación de arrendamentos urbanos. A persoa arrendadora poderá repercutir á persoa inquilina os gastos que permita a lexislación aplicable.

Estes prezos serán de aplicación ás VPA que se cualifiquen provisionalmente a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

 

 

DOG