Segundo Tinsa, o prezo medio da vivenda aumentou un 3,3% interanual no primeiro trimestre de 2024 | Observatorio de Vivenda

Segundo Tinsa, o prezo medio da vivenda aumentou un 3,3% interanual no primeiro trimestre de 2024

Segundo Tinsa, o prezo medio da vivenda aumentou un 3,3% interanual no primeiro trimestre de 2024

O valor medio da vivenda, tanto nova como usada, no primeiro trimestre de 2024 en España creceu un 3,3% con respecto ao mesmo trimestre de 2023, tras aumentar un 0,1% con respecto ao último trimestre, o que é a menor taxa de crecemento trimestral rexistrada dende finais de 2020. Estes datos despréndense da estatística Tinsa IMIE Mercados Locais publicada este 1 de abril, onde se confirma a tendencia á moderación dos prezos, tras alcanzar unha variación do 4,9% no segundo trimestre de 2023, do 5% no terceiro trimestre, e do 4% no último trimestre de 2023. 

Por comunidades autónomas, a maioría atópanse nun rango de aumento de prezos interanual entre o 2% e o 6%. Neste aspecto, destacan Baleares (8,3%), a Comunidade Valenciana (7,1%) e Castela A-Mancha (6,7%). A Comunidade de Madrid e Cataluña, amosan unha moderación interanual, crecendo un 2,3% e un 2,4% respectivamente. As variacións trimestrais caracterízanse pola estabilidade, pero as maiores contraccións corresponden a Cataluña (-2%) e Ceuta (-1,7%). Doutra banda, destaca o dinamismo de Extremadura e A Rioxa, con crecementos superiores ao 2%. A comunidade con prezo máis elevado neste último trimestre foi as Illas Baleares, sitúandose un 7,1% por enriba do seu máximo histórico.

En canto ás capitais de provincia, destaca o dinamismo de Guadalaxara (+15,1% interanual), e as cidades costeiras de Valencia, Málaga, Santa Cruz de Tenerife e Almería, con aumentos de prezos respecto ao ano pasado do 8%, aproximadamente. En Madrid e Barcelona, no último ano os prezos aumentaron nun 3,9% e un 2,6%, a pesar dun descenso moderado respecto ao trimestre anterior, do 1,1% e do 0,7%, respectivamente. As capitais máis caras continúan sendo San Sebastián (4.255€), Madrid (3.722€), Barcelona (3.701€) e Palma de Mallorca (2.773€). 

A previsión para os próximos meses, aínda que se espera que os tipos de interese elevados continúen contendo a demanda residencial durante o ano, o Servizo de Estudos de Tinsa apunta que a expectativa de recuperación do mercado debido a un cambio próximo na política monetaria podería mobilizar a demanda de investimento fronte a de uso nestes próximos meses de transición.

Fonte.- La Vanguardia