Vigo lidera o alugueiro turístico en Galicia | Observatorio de Vivenda

Vigo lidera o alugueiro turístico en Galicia

Vigo lidera o alugueiro turístico en Galicia

O mercado de vivenda de alugueiro, tanto tradicional como vacacional, en Vigo resistiu o envite da pandemia moito mellor que as outras seis grandes cidades galegas. Esa é a conclusión do informe Fegein (Federación Galega de Empresas Inmobiliarias) sobre a rendibilidade dos arrendamentos na comunidade.

Antes da pandemia, o prezo medio do metro cadrado no alugueiro vacacional era de 8,2 euros e, de acordo con Fegein, neste mes de maio sitúase só 10 céntimos por baixo, en 8,1. De igual maneira, o prezo por noite nos alugueiros turísticos pasou de 75 euros por noite no ano 2020 a 70. Mentres, na Coruña, o prezo por metro cadrado resentiuse case un euro (de 8,75 a 7,8 euros) e o custo medio da noite nunha vivenda vacacional é dez euros menos que en 2020.

Outro dos aspectos que analiza este informe é a rendibilidade dos arrendamentos, isto é, a ponderación do custo do inmoble e os gastos do seu propietario cos ingresos que xera actualmente. Nesta métrica, que tamén se resentiu por mor da pandemia, tamén destaca a cidade viguesa por rexistrar a menor caída. Así, a rendibilidade do aluguer tradicional era dun 5,3% en 2020 e soamente descendeu unha décima nun ano. No caso do vacacional, pasou do 8,2 ao 8%. A comparación coa Coruña é similar con respecto ao prezo medio: a cidade herculina pasou do 5,2 ao 5% en canto aos arrendamentos tradicionais e descendeu case un punto (do 8,4 ao 7,6%) nos turísticos.

Fonte | Atlántico